luns 01/03/21
O buque ten a tripulación dividida, entre positivos e negativos, e illada no seu interior

O Argos Pereira retido en Montevideo por positivo en Covid-19

O Argos Pereira atracou no porto de Montevideo coa metade da tripulación contaxidada por Covid-19, a pesar de saíren das augas Canarias con resultado negativo das probas PCR.
argospereira
Imaxe de arquivo do buque Argos Pereira. (Foto: Nós Diario)

O buque da empresa viguesa Pereira, de bandeira británica, está retido no porto de Montevideo logo de que a metade da tripulación dese positivo por Covid-19.

A canle uruguai Teledoce informaba na tarde do sábado que no porto de Montevideo se mantiña retida a tripulación do buque Argos Pereira, da empresa galega Pereira e con bandeira británica.

A embarcación dirixíase ao porto Stanley, nas illas Malvinas, mais tivo que deterse na capital uruguaia para repor combustíbel. Foi entón cando un dos membros da tripulación, informa Teledoce, deu síntomas de gripe e se lle practicaron as probas de detección da Covid-19.

O resultado do exame deu un total de 28 tripulantes positivos en Covid-19, con só un paciente sintomático. O resto da tripulación, composta en total de 54 persoas, non teñen síntomas nin deron positivos, polo que se atopan illados no buque e afastados.

As autoridades portuarias de Montevideo estudan deixar apearse do buque os 26 tripulantes non infectados.

Trátase de saber como puido darse o contaxio posto que a tripulación someteuse a probas antes de partir, dando toda ela resultado negativo. Agora, 20 días de navegación despois, a metade da tripulación está contaxiada.

comentarios