Sanidade pública

Médicas mobilízanse para reclamar máis persoal ao Sergas

Primeira xornada da folga indefinida na sanidade convocada por CESM, que eleva o seguimento a 60% mentres a Xunta fala de só 14%.
Persoal médico do hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo), o pasado 11 de abril. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Persoal médico do hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo), esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

Persoal médico está chamado desde esta terza feira a secundar unha folga indefinida convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en solitario, sen o apoio de ningunha outra organización. O presidente do sindicato convocante na Galiza, Ramón Barreiro, confiaba en que o paro comezase "con toda normalidade e contundencia", especialmente nos grandes hospitais, onde vía "un ambiente de facer folga" por parte dos facultativos. Por parte dos facultativos.

Precisamente, os hospitais de Vigo, Lugo e Ourense rexistraron mobilizacións nas que se concentraron centos de facultativos para pedir á Consellaría de Sanidade que "inicie as negociacións" porque, até agora, todo "foi un paripé".

Con todo, a folga non se fai notar en urxencias, nin nas gardas, nin no 061, dado que os servizos mínimos fixados polo Sergas sitúanse no 100% en urxencias hospitalarias e nos PAC. Así mesmo, as unidades de reanimación, de coidados intensivos, de diálises e de tratamentos oncolóxicos tamén se inclúen nestes servizos, para garantir a atención urxente de pacientes. O paro levou a suspender 163 cirurxías, sobre 26,21% da actividade media diaria. Así mesmo, anuláronse máis de 3.700 consultas externas -19,09%- e pospuxéronse case 400 probas -2,88%-.

Reivindicacións

O CESM reclama, de forma xeral para todo o persoal, a xornada de 35 horas semanas e o incremento do prezo da hora de garda presencial e localizada, diferenciando entre laborais e fins de semana ou festivos. Tamén piden a xeneralización  do complemento específico para que poidan cobrar o mesmo profesionais do Sergas e da privada, así como a declaración dos días 24 e 31 de decembro como non laborais.

En canto á Atención Primaria, o sindicato reclama a implantación de axendas fechadas cun máximo de entre 25 e 30 pacientes e un tempo non inferior a 10 minutos para cada un, así como restrinxir a teleasistencia e retirar o polémico sistema XIDE. Nas distintas mobilizacións de hoxe reclamaron un maior número de facultativos e vontade política para negociar.

Seguimento da folga

O Sergas publicou hoxe os datos de participación na xornada, nos que reduce a 14,26% o seguimento global da folga durante a primeira sesión do paro convocado polo CESM. A Administración destacou que 85,5% dos facultativos acudiron con normalidade a traballar a pesar da folga. Así, sinalou que no referido aos datos de tarde, no total da Galiza, o seguimento nesta quenda foi de 4,04%, sendo a área sanitaria da Coruña-Cee a máis mobilizada con 9,32% e a de Pontedra-O Salnés a que menos con 0,81% de participación no paro.

Porén, o sindicato asegura que perto de 60% do persoal médico secundou a xornada de paro de hoxe, cualificándoa de "éxito". Segundo o CESM a área sanitaria da Coruña-Cee contou con 45% de seguimento da folga; na de Santiago-Barbanza, 60%; na área de Ferrol rexistrouse un seguimento de 65%; e en Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, alcanzou 70%. Vigo rexistrou os datos máis altos con 75%, en Pontevedra-O Salnés, 35% e Lugo, 30%.

Comentarios