O persoal médico do Sergas irá á folga desde o 11 de abril

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza avanzou onte a convocatoria dun paro indefinido do persoal médico do Servizo galego de Saúde e do 061 a partir do 11 de abril. 
Concentración da CESM diante da sede do Sergas en Compostela nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración da CESM diante da sede do Sergas en Compostela nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario).

A folga, remarcou a organización, chega "ante a falta de vontade do Sergas para levar a cabo as transformacións estruturais necesarias" dento do sistema sanitario e prolongarase até que "a Xunta dea unha resposta satisfactoria ás demandas das e dos profesionais".

O obxectivo desta protesta, que dará comezo xusto dous meses despois da manifestación multitudinaria que ateigou as rúas de Compostela o pasado 12 de febreiro a iniciativa de SOS Sanidade Pública, é "reverter a lamentábel situación que atravesa a sanidade pública na Galiza desde hai unha década e que, nos últimos anos, a causa da pandemia, agravouse".

Interlocutores coa Xunta

A CESM lembra que nos últimos meses mantivo varios encontros coa Consellaría de Sanidade na procura de solucións e un "acordo de mínimos" que "evitase ter que recorrer ás mobilizacións", unha posibilidade de diálogo que o departamento que dirixe Julio García Comesaña reserva a colexios médicos e "sindicatos afíns" -representantes dun 10% do colectivo médico, estiman desde SOS Sanidade Pública- e nega "de forma reiterada desde hai ano e medio" a outras forzas sindicais e profesionais, parte desta plataforma sanitaria, denuncian voceiros a este xornal.

Porén, os interlocutores do Goberno galego cos que se reuniron, lamentan desde CESM, "non mostraron unha mínima vontade política nin capacidade de decisión", polo que acordaron fixar ás 00 horas do 11 de abril o inicio dunha folga indefinida á que están chamados "todos os facultativos" tanto da primaria, como da hospitalaria como das urxencias sanitarias do 061.

A organización convocante pide garantir unhas "condicións laborais dignas" que permitan asegurar tamén que as persoas doentes "poidan ser atendidas en tempo e forma como corresponde", e non "cunha axenda interminábel que impide dedicarlles o tempo que merecen".

Demandas

Con carácter xeral para todo o persoal do Sergas, a entidade reclama a xornada de 35 horas semanais, un incremento do prezo da hora de garda presencial e localizada e a xeneralización do complemento específico.

Desde CESM aseguran que a situación máis crítica está na primaria onde urxen implantar axendas fechadas cun máximo de entre 25 e 30 pacientes e un tempo de atención na consulta non inferior a 10 minutos por doente, ademais dunha maior coordinación coa asistencia hospitalaria. Piden, ademais, urxencias extrahospitalarias as 24 horas ao día durante todo o ano e a 'triaxe Manchester', co obxectivo de que "só se preste atención a urxencias obxectivas tras unha valoración, con derivación a consulta ordinaria das que non o sexan". 

Para o persoal facultativo que traballa nos centros hospitalarios exixen regular as gardas localizadas e as súas libranzas; actualizar os módulos de atención continuada para médicos exentos de gardas; a regulación, recoñecemento e remuneración da figura do 'titor de residentes', e a catalogación dos postos de difícil cobertura en hospitais comarcais, así como o seu "recoñecemento curricular e retributivo".

A respecto do 061, a CESM incide na necesidade de aplicar o complemento de quendas para todo o persoal que as realice, así como o complemento de atención urxente nas urxencias extrahospitalarias.

Comentarios