CESM insiste en demandar a xornada de 35 horas a falta dun mes para a folga

O sindicato considera "máis que xustificadas" as súas demandas mentres a Xunta lamenta o "ultimato" e pide sentar a falar após varias semanas de negociacións infrutuosas.
Desde este sábado 1 de abril elimínase a obriga de notificar as baixas laborais ás empresas.
photo_camera A folga indefinida convocada por CESM Galiza dará comezo o 11 de abril. (Foto: Nós Diario)

Cando resta pouco máis dun mes para que dea comezo a folga indefinida convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, a organización volve incidir nunha das súas principais reclamacións: a xornada de 35 horas semanais para todos os facultativos e facultativas do Sergas fronte ás 37,5 actuais. O sindicato ve un "agravio comparativo" para a sanidade galega, dado que esta medida, lembra, xa está en vigor noutros dez territorios do Estado e Castela e León será o undécimo a partir de xuño.

Desde a CESM chaman o persoal sanitario á folga a partir do vindeiro 11 de abril, co obxectivo de garantir unhas "condicións laborais dignas" que permitan asegurar tamén que as persoas doentes "poidan ser atendidas en tempo e forma como corresponde", e non "cunha axenda interminábel que impide dedicarlles o tempo que merecen". Xustifican que a xornada de 35 horas vai encamiñada nesa liña de mellorar a asistencia sanitaria.

Outra das exixencias do sindicato é o cumprimento do Estatuto da Función Pública, a fin de que as e os médicos poidan gozar dos días 24 e 31 de decembro como "non laborábeis", de igual modo que acontece co resto do persoal funcionario do país. Ven esta cuestión como outro "agravio" para o sector sanitario.

E piden tamén recuperar a totalidade dos días de libre disposición de carácter autonómico, que se retiraron "con motivo da crise económica de 2008". "En realidade, eses días corresponden a contraprestacións realizadas pola Administración autonómica, debido a varias conxelacións salariais que os profesionais soportaron nas súas nóminas moitos anos", sinalan.

Aliás, tal e como veñen exixindo diferentes colectivos médicos e sociais, reclaman a cobertura de todas as vacantes existentes con inclusión xeral en ofertas públicas de emprego (OPE) e concursos de traslados.

A CESM considera "máis que xustificadas" estas demandas "porque xa gozan delas noutras comunidades autónomas e outros traballadores da Función Pública na Galiza", polo que confía en que agora "se estendan ao resto de profesionais do Sergas".

Rueda ve aínda "tempo para falar"

Tras coñecer a convocatoria de folga, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou a CESM a que "se adhira" á Mesa Sectorial de Sanidade, da que non participa canda outros sindicatos que si están representandos —CIG, UXT, CCOO, CSIF e Satse—. "Creo que hai tempo aínda para falar con todo o mundo", dixo.

Rueda entende que estoutra forza sindical deu un "ultimato", algo que "non é bo", defendeu. Porén, a folga non colleu por sorpresa o Goberno galego, pois CESM foi nas últimas semanas un dos principais interlocutores e xa advertira en decembro que valoraba "emprender mobilizacións" proximamente se non se desencallaba o conflito debido á "falta de avances" nas negociacións en relación coas propostas presentadas.

Comentarios