O sindicalismo agrario galego persegue a unidade na defensa do sector lácteo

Fruga e o Sindicato Labrego Galego recoñecen sintonía nas súas reivindicacións e abren a porta a constituír unha gran plataforma sindical en defensa do sector lácteo.

Tractores na manifestación de Agromuralla en Lugo o pasado 4 de novembro, emulando as concentracións do ano 2015 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Tractores na manifestación de Agromuralla en Lugo o pasado 4 de novembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

No ano 2015, no anterior gran conflito polos prezos do leite, xurdiu unha plataforma en defensa do sector lácteo que compartía obxectivos e falaba cunha soa voz a prol dos intereses das gandeiras e os gandeiros do país.

Na actualidade, co problema dos baixos prezos que se pagan polo leite aínda latente, o encarecemento dos custos de produción está a dificultar a supervivencia de moitos produtores lácteos na Galiza, mais as forzas sindicais libran cada unha a batalla pola súa conta.

Mañá hai prevista na Coruña, fronte a Subdelegación do Goberno, unha mobilización convocada por gandeiros e gandeiras de todo o país para exixir as Administracións que impidan a venda a perdas e forcen as industrias a pagar un prezo xusto polo leite que producen. 

Esa mobilización contará co apoio do Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga), dúas organizacións que recoñecen a sintonía nas súas reivindicacións e que están dispostas a retomar a idea dunha plataforma común. 

Como sinala a Nós Diario o coordinador xeral da Fruga, Manuel da Cal, nas últimas semanas mantiveron reunións, entre outros co Sindicato Labrego Galego, para estudar a posibilidade de reactivar a plataforma. Esas xuntanzas derivaron na convocatoria de mañá e poderían seguir con Agromuralla "para ver a súa dispoñibilidade", apunta o responsábel da Fuga.

Da Cal lembra que Galiza é a primeira produtora láctea do Estado español e "a novena ou décima" europea. "Nós temos uns problemas moi específicos", dixo en alusión aos baixos prezos que se pagan polo leite e ao papel das industrias, que "ven Galiza como unha fonte de subministro de materia prima de calidade e ademais barata". "Se o problema do sector lácteo está na Galiza, o lóxico é que as solucións se busquen desde aquí", considera o líder da Fruga. 

Reivindicacións unánimes 

Pola súa banda, a recentemente reelixida secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, indica a este diario que aínda non se pode falar dunha plataforma constituída, xa que considera que para iso se precisa "dunha participación maior de todo o sector", así como unhas reivindicacións unánimes a defender. "Unha folla de ruta común e seriedade nas propostas. O resto non nos parece que vaia a ningures", apunta. 

Neste senso, tanto Fruga como SLG coinciden na necesidade de loitar por uns prezos dignos e unhas ferramentas que impidan as granxas vender por baixo dos custos de produción. 

A este respecto, botan en falta á Xunta. "Non entendemos o papel pasivo que a Xunta está a ter nestas cuestións, botando as culpas ao Estado sen desenvolver ferramentas como índices oficiais de custos de produción ou sistema de mediación de contratos gandeiros, moi necesarios", denuncia Vilalba. "Queremos medidas efectivas e non historias como a Conta Láctea, que non vale para nada", abunda Da Cal.

Ambas as organizacións coinciden tamén na necesidade de constituír a Mesa do Leite ou un organismo de interlocución do sector na que estean representados todos os elos da cadea e no que abordar todas estas cuestións.

Comentarios