Gandeiros advirten que a viabilidade do sector está "en risco" no curto prazo

A Fruga chama aos gandeiros e gandeiras a se mobilizar esta sexta feira en Lugo por mor da "crise de sobrecustos de produción" que está a afectar especialmente ao sector.

Un gandeiro estende batume no pasto das vacas (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A Fruga afirma que "só se precisa de vontade política" para impulsar un modelo de agricultura sostíbel (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Federación Rural Galega (Fruga) vén de convocar, a través dun comunicado, unha concentración de gandeiros e gandeiras para esta sexta feira, contra as 12 horas, fronte a Delegación da Xunta en Lugo.

O motivo, sinala a entidade, é que as explotacións agrogandeiras "estanse vendo afectadas por unha crise de sobrecustos de produción que pon en risco a súa viabilidade a curto prazo".

Así, Fruga lembra que o sector primario padece especialmente as consecuencias da pronunciada suba de prezos de diferentes materias primas e bens como "os carburantes, os concentrados alimentarios do gando, a tarifa eléctrica, os plásticos, os fertilizantes e outros insumos", que "supoñen un notábel incremento" dos gastos que, din, non vai parello a un aumento dos prezos de venda para as entidades produtoras.

Neste senso, advirten do "abandono de funcións" das administracións competentes "no que respecta a medidas de carácter inmediato, como medidas a medio e longo prazo que contribúan a abaratar os custes de produción e conseguir que os prezos percibidos polo sector agropecuario, cando menos, cubran estes custos".

"A Galiza ten as condicións necesarias para poder desenrolar un modelo propio de agricultura, favorecendo o acceso a terra e deste modo diminuír a dependencia que hoxe temos, en exceso, de insumos cultivados fóra das nosas fronteiras", salientan.

Para a Fruga, "só se precisa de vontade política" para impulsar un modelo de agricultura sostíbel e compatíbel co medio ambiente, que "é posíbel" no momento actual.

"É o momento de facer valer que estamos ante a lexislatura do rural, sen que esta frase sexa un mero slogan publicitario", engaden.

Comentarios