UUAA e o Sindicato Labrego piden a Planas que a PAC non penalice a Galiza

Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego transmitiron ao ministro de Agricultura, Luís Planas, nunha reunión en Compostela, a súa preocupación polo novo reparto de axudas da Política Agraria Común (PAC), a reforma da cadea alimentaria e a nova normativa de xurros que prexudica as granxas galegas.
Luís Planas, ministro de Agricualtura, no centro, coa representación de UUAA, Sindicato Labrego e Agaca (Nós Diario)
photo_camera Luís Planas, ministro de Agricultura, no centro, coa representación de UUAA, Sindicato Labrego e Agaca (Foto: Nós Diario)

O ministro de Agricultura, Luís Planas, mantivo esta sexta feira un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e posteriormente unha xuntanza co conselleiro de Medio Rural, José González, e con representantes do agro galego como o Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA) e a asociación de Cooperativas Agrarias Galegas (Agaca), coa ausencia da Federación Rural Galega (Fruga), que non foi convidada. Desde esta última organización critican que se deixe de lado parte do sector "vetando entidades constituídas despois das eleccións agrarias de 2002".

O tema central da xuntanza foi o deseño da nova Política Agraria Común (PAC). Planas asegurou que a súa vontade é "contar coa Galiza e coa visión da Galiza" para a súa construción a través do plan estratéxico estatal. As demandas das organizacións agrarias reafirmaron a idea de que se teña en conta o feito diferencial na distribución das axudas. "A cornixa cantábrica é das zonas que menos axudas da PAC percibe", lembra Roberto García, de UUAA, "non podemos permitir que o modelo tradicional das nosas explotacións sexa o gran prexudicado pola nova reforma, que eliminará os dereitos históricos e pasará a primar a extensión", engade. 

A respecto disto, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilaba, denunciou diante de Planas os criterios de reparto actuais, con base no número de hectáreas xestionadas polos perceptores. "Nós temos máis cotizantes á Seguridade Social que perceptores de axudas da PAC, ou sexa, máis profesionais que noutros territorios", explica Vilaba a Nós Diario, quen engade que no Estado español hai 600.000 perceptores que non son labregos. Ademais, afirma que "aquí cobran pouco por basearse na superficie en comparación coa meseta", en relación ao dato de que a media galega é de 2.590 euros fronte aos case 4.000 euros da estatal. Alén diso, Vilaba cre "indefendíbel agora mesmo o tope de axudas que está en 100.000 euros".

A cadea alimentaria

Outro dos temas de traballo da xuntanza foi a Lei da cadea alimentaria, en cuxa reforma está traballando o Ministerio. Planas anunciou que no próximo consello de ministras e ministros aprobará un real decreto co que di que mellorará "o equilibrio e a transparencia do sistema de subministración de leite" así como " a seguridade dos produtores que permitirá a publicación do prezo do leite en produción ecolóxica" ou a que se destine á elaboración de produtos de calidade diferenciada.

"Nos últimos anos realizáronse varias reformas para tratar de dotar de máis capacidade de negociación aos gandeiros que ano tras ano e de forma fraudulenta a industria vulnera", asegura desde UUAA Roberto García, e aínda así "nin os gandeiros teñen capacidade de negociar colectivamente neste momento nin existen mecanismos de mediación", sentenza.

Desde o SLG avogan por reforzar a posición da parte máis feble, o da produción, "creando mecanismos para solucionar de maneira inmediata os abusos da industria" que salva a obriga de fixar prezos superiores aos custos de produción introducindo "unha simple cláusula" no contrato. "Non é real a actual negociación no tema do leite, vén imposto", asegura Vilalba. 

A nova normativa de xurros

Na reunión tratouse tamén a necesidade de dar unha solución ambiental adecuada á aplicación dos xurros, asunto que preocupa as granxas galegos. O ministerio avoga por proxectos de colaboración, mantendo a introdución de grandes maquinarias que terían que financiar as explotacións. "Aplicar as mesmas normas e requerimentos que a unha granxa intensiva carece de sentido", sinala. Desde o Sindicato Labrego Galego apuntan que "moitas granxas non poderían pagalas e ademais temos persoas que fan una manexo adecuado deses xurros polo que nos parece inxusto que os metan na mesma listaxe que un gran cebadeiro porcino".

Comentarios