Fruga e Sindicato Labrego advirten de mobilizacións no sector do leite

As organizacións denuncian "custos disparados" na Galiza para as e os gandeiros de leite que provocan que se produza a perdas.
Concentración da Fruga diante do Mercadona de Narón (Nós Diario)
photo_camera Concentración da Fruga diante do Mercadona de Narón (Foto: Nós Diario)

A Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato  Labrego  Galego (SLG) advertiron esta quinta feira da posíbel convocatoria de mobilizacións en breve diante os "custos disparados" na Galiza para as e os gandeiros de leite que provocan que se produza, na actualidade, a perdas.

Así o avanzou o coordinador de Sectores Gandeiros de Fruga, Elías Somoza, que anticipou que o vindeiro 2 de novembro manterán unha reunión con produtores de leite en Guitiriz para abordar a situación que atravesa o sector diante a "crise de prezos" agravada polo "notábel aumento" dos custos de produción.

"Imos ver que accións tomamos a partir de ter esa reunión, o que está claro é que ten que haber un aumento dos prezos para procurar a supervivencia da maior parte das explotacións lácteas galegas", insistiu.

Fruga sostén, apoiándose en datos que facilitou o propio Ministerio de Agricultura este ano, que producir un litro de leite na Galiza "custa entre 35 e 36 céntimos" cando o prezo que se paga despois por el é de 32 céntimos.

Datos do Ministerio de Agricultura

Pola súa banda, o SLG solicitará á Consellaría do Medio Rural a convocatoria "urxente" da Mesa do Leite, unha iniciativa que se levou ao rexistro da Xunta en Lugo.

A secretaria xeral do sindicato agrario, Isabel Vilalba, apelou a que o propio Ministerio de Agricultura recoñece que os custos de produción son superiores. 

A iso engádese que sobe a electricidade e parámetros moi importantes como son a alimentación e o combustíbel".

Denuncia que o prezo "estancouse á baixa", o que, segundo Vilalba, prodúcese de forma "artificial" porque a distribución "comezou a subir os produtos que vende".

Comentarios