Isabel Vilalba: "Hai que acabar co abuso das grandes industrias"

O Sindicato Labrego Galego (SLG) reelixiu esta pasada fin de semana a secretaria xeral desde o ano 2012, Isabel Vilalba, como líder da organización até 2024. 'Nós Diario' fala con ela da situación actual do agro, coa pandemia da Covid-19 como pano de fondo, e dos principais retos que ten por diante nos vindeiros anos.
A recentemente reelixida secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A recentemente reelixida secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba. (Foto: Nós Diario)

Case dez anos como secretaria xeral. Neste período mudou moito a situación do rural e as súas reivindicacións?

Creo que continuou un proceso de baleirado do rural. As grandes políticas neoliberais que viñeron desde Europa e trasladaron tanto o Ministerio como a Xunta promoveron un modelo de agricultura e de gandaría provedora de materia prima barata para as industrias e as grandes empresas orientadas á distribución que copan o mercado. En absoluto primaron outro tipo de modelo que crease valor engadido e chegar con alimentos saudábeis á cidadanía coa idea de crear tecido rural. 

Non se apostou para nada pola compra pública que apoiase eses pequenos proxectos locais, por avanzar nun marco da normativa hixiénico-sanitaria que permitise transformacións de proxectos directos para crear valor engadido e fechar ciclos produtivos. Temos todo un marco de política agraria que lle dá a maior parte dos recursos públicos ás grandes empresas en detrimento do tecido de persoas produtoras que podían darlle vida ao rural. As administracións públicas apostaron con claridade por un rural sen servizos e onde chegasen empresas a facer negocio, extraendo recursos mineiros, implantando grandes proxectos enerxéticos, ocupando o rural e deixando pouco valor engadido. Responden aos intereses que teñen os grandes grupos económicos con capacidade de incidir nos políticos.

A pandemia marcará un punto de inflexión no trato ao agro como sector produtivo?

Houbo un momento, cando se fechou todo, no que quedou patente que as persoas tiñamos que seguir alimentándonos. Recoñeceuse como actividade esencial a alimentación. Para que os alimentos cheguen ás mesas ten que haber persoas produtoras. Levamos anos escoitando que non importa que desaparezan aquí granxas, que chegarían os alimentos doutros lugares. Coa pandemia evidenciouse que a produción que non tiñamos nos colocou en grave perigo, ao ter que traer doutros lugares. Que pasaría se non tivésemos capacidade de achegar os alimentos ás mesas da xente? Creo que este problema deberíanos facer reflexionar. Agora estamos coa grave problemática do encarecemento das materias primas e hai moitas persoas que tentar facerse con determinados materiais que veñen de lonxe e asegúrannos que hai problemas co encarecemento dos combustíbeis. Creo que deberiamos aprender algo de todo isto. Temos que apostar por un modelo moito máis autónomo e coidar os recursos que temos. Ser sustentábeis a nivel económico, social e ambiental. 

Cales son os problemas máis importantes agora mesmo para as labregas e os labregos? 

Como urxente temos a recuperación dos prezos en orixe. Os diferentes sectores non poden ter futuro se os incrementos de custos non trasladan aos alimentos que vendemos. Hai que acabar co abuso das grandes industrias. Hai que conseguir unha lei da cadea que teña as marxes necesarias para manter a actividade. Necesitamos un sistema de mediación de contratos agrarios para que o prezo e as condicións non sexan abusivas. Outros retos son deixar de depender da importación de proteína para a alimentación animal e facilitar o relevo xeracional. 

Aumentará a presión sindical  se non teñen resposta estas reivindicacións?

Loitaremos con todas as ferramentas que teñamos para conseguir estas medidas. Apostamos polas demandas do sector mais para que sexan fortes, deberiamos agruparnos todas as organizacións ao redor dunhas reivindicacións mínimas. Non se entendería que non as aceptase todo o mundo. Faremos todo o posíbel por sumar.

A importancia da produción saudábel

Baixo o lema "Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro" decorreu en Vilalba este pasado domingo 12 de decembro o X Congreso do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. Nesta cita aprobouse a continuidade de Isabel Vilalba como responsábel da Secretaría Xeral e salientouse a importancia da agroecoloxía para manter a capacidade de producir alimentos saudábeis, nutritivos e de proximidade. No encontro denunciouse tamén a globalización do sistema agroalimentario e a proliferación de proxectos industriais que acaparan as terras produtivas.

Comentarios