A afiliación á Seguridade Social cae na Galiza e aumenta no Estado

A afiliación á Seguridade Social na Galiza caeu de media en outubro en 646 cotizantes menos ao día, unha baixada de 0,06% que contrata co aumento das cotizacións no Estado español, de 0,5%.
Un obreiro fai reparacións na zona de vella de Compostela (Foto: Formatoriginal).
photo_camera Un obreiro fai reparacións na zona de vella de Compostela (Foto: Formatoriginal).

A Seguridade Social perdeu unha media de 646 cotizantes en outubro na Galiza (-0,06%) con respecto a setembro, fronte ao incremento que rexistrou o conxunto estatal (+0,5%), o que situou o total de persoas afiliadas na Galiza en 1.048.700.

Son 16.049 máis que no mesmo mes do ano anterior, o que supón un aumento interanual de 1,55%, aínda que tamén por baixo da cifra no conxunto do Estado español, de 3,01%, segundo os datos que publicou esta quinta feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. 

Por outra parte, o número de persoas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego da Galiza baixou en 389 o pasado mes de outubro. O dato supón un descenso de 0,27% con respecto ao mes de setembro, até situar o total en 143.720 persoas desempregadas.

A baixada do paro na Galiza é case catro veces menor que a rexistrada no conxunto do Estado español, cun descenso medio de 0,9%. Atendendo á taxa de variación interanual na Galiza, o desemprego reduciuse en 10.325 persoas en comparación con outubro de 2021. Isto representa un descenso de 6,7%.

Reaccións Sindicais

Para a CIG, os datos de desemprego coñecidos esta quinta feira "confirman a tendencia que xa se viña avanzando nos últimos meses", xa que na Galiza "o descenso do desemprego é moito menor que no resto do Estado".

Segundo o secretario confederal de Emprego do sindicato, Francisco González Sío, “é síntoma de que se remata a época do turismo e de vivir do Camiño de Santiago”. Sío salientou que “os contratos fixos descontinuos a tempo parcial xa son máis de 60%”.

Pola súa parte UXT manifestou que o descenso do número de persoas desempregadas experimentado na Galiza durante outubro "prodúcese nun mes onde habitualmente aumenta o paro".

Un feito que, para este sindicato, demostra "que a reforma laboral está a corrixir a alta volatilidade que caracteriza ao noso mercado laboral". Porén, alerta de que "a calidade de vida das familias traballadoras segue deteriorándose mes a mes" polos "escasos incrementos laborais".

Comentarios