A Galiza viu incrementado en 6,4% o paro no terceiro trimestre con respecto a 2021

O desemprego cae 12,78% en 12 meses a nivel estatal.
O parou baixou na Galiza en 4.600 persoas entre xullo e setembro. (Gráfica: Nós Diario)
photo_camera O parou baixou na Galiza en 4.600 persoas entre xullo e setembro. (Gráfica: Nós Diario)

A finais de setembro, o número total de persoas desempregadas na Galiza ascendía a 134.800, 8.100 persoas máis que hai un ano (6,42%), segundo a Enquisa de Poboación Activa publicada esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Porén, o paro baixou na Galiza en 4.600 persoas entre xullo e setembro, 3,3% con respecto ao trimestre anterior, mentres que a ocupación aumentou en 8.500 postos de traballo (0,77%), situándose nun total de 1,11 millóns de persoas. 

Unhas cifras inversas ás do conxunto do Estado español, onde o paro descendeu en 436.500 persoas (12,78%) con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior. Pola outra cara da moeda, o desemprego medrou a nivel estatal en 60.800 persoas, 2,1% máis, se a comparación a facemos con respecto ao trimestre anterior. 

Así, a taxa de paro situouse en 10,8%, por baixo da cifra de 12,67% a nivel estatal. Das 134.800 persoas paradas galegas, case 47% é home, mentres que algo máis de 53% é muller.

Valoración dos sindicatos

O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, advertiu do "perigo do desmantelamento do Estado do Benestar, ao tempo que se incrementa o emprego precario, nun contexto de descontrolado aumento da carestía da vida".

Para González Sío, os datos da EPA do terceiro trimestre "confirman a cada vez maior dependencia da economía galega do turismo" e "a crise instalada nos sectores produtivos" ante o "desleixo da Xunta con aqueles sectores que máis poden funcionar como escudo social".

Para Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, "constátase unha desaceleración na creación de emprego con menor impacto do esperado debido aos bos resultados da reforma laboral". "O emprego asalariado medra na Galiza e o fai polo pulo do emprego indefinido", afirmou Bouza.

José Luís Fernández Celis, secretario xeral de UXT, alertou sobre a situación dos fogares e o paro de longa duración. "Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias, hai 24.700 fogares que non perciben ingresos", sinalou Fernández Celis.

Comentarios