O paro baixou en outubro na Galiza 0,27%, case catro veces menos que a media estatal

O país perdeu 10.325 parados e paradas no último ano.
Mural sobre o desemprego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Mural sobre o desemprego (Imaxe: Nós Diario)

Información ampliada ás 11.21 horas*

O número de persoas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego da Galiza baixou en 389 o pasado mes de outubro. O dato supón un descenso de 0,27% con respecto ao mes de setembro, até situar o total en 143.720 persoas desempregadas.

A baixada de parados e paradas na Galiza e case catro veces menor que a rexistrada no conxunto do Estado español, cun descenso medio de 0,9%. En total, o paro perdeu 10.325 persoas a nivel estatal.

Atendendo á taxa de variación interanual na Galiza, o desemprego reduciuse en 10.325 persoas en comparación con outubro de 2021. Isto representa un descenso de 6,7%.

Actividades económicas

Por actividades, o paro caeu en agricultura (25 persoas menos), industria (32 menos), construción (74 menos) e, sobre todo, servizos (831 menos), pero subiu no colectivo sen emprego anterior (573 desempregados máis).

Pola súa parte, o paro afectou na Galiza 10.301 estranxeiros, 128 máis que en setembro (1,26%) pero 21 menos que no mesmo mes do ano anterior (-0,20%). Do total, 3.195 son comunitarios e 7.106 extracomunitarios.

En canto aos demandantes de emprego, foron 208.914, deles 35.416 ocupados e 155.533 sen ocupación, que son (estes últimos) 1.032 menos que o mes anterior (-0,66%) e 10.410 menos que 12 meses atrás (-6,27%).

Datos de contratación

No que se refire á contratación, o país sumou 69.958 o pasado mes, 11.047 menos que en setembro (-13,64%) e tamén un descenso, en 19.251 contratos, respecto ao ocorrido hai un ano (-21,58%).

A distribución de contratos foi a seguinte: 24.650 indefinidos (4.094 menos que en setembro pero 16.737 máis que en outubro de 2021) e 45.308 temporais (6.953 menos que en setembro e 35.988 menos que en outubro de 2021).

Comentarios