A CIG chama á mobilización pola "saída galega xusta da crise" o 29 de novembro

A CIG anunciou esta cuarta feira a convocatoria de mobilizacións en todas as comarcas da Galiza o vindeiro día 29 de novembro. A central sindical denuncia a insuficiencia das medidas articuladas desde o Gobernos do Estado e da Galiza para paliar a carestía da vida. Unha situación fronte a que demanda “un verdadeiro plan de choque para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise”.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de Organización do sindicato, Susana Méndez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de Organización do sindicato, Susana Méndez, na rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que “a grave carestía da vida”, presente antes da guerra, “agravouse desde o seu inicio, acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza”, cunha inflación descontrolada, prezos da luz e dos combustíbeis que non baixan e produtos de primeira necesidade que “soben a prezos desorbitados”.

Unha situación que considerou “extrema”, que está a ter “un impacto brutal”, con importantes sectores produtivos xunto a comarcas enteiras “agonizando” e con cada vez “menos emprego e industria, con máis emigración e con máis poboación avellentada”. Por iso denunciou a inacción da Xunta, que non preveu “ningunha medida para darlle solución”, máis que “facer de Galiza enteira un Camiño de Santiago como reclamo turístico e un grande eucaliptal”.

"Insuficiencia de medidas"

Carril denunciou a insuficiencia “do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra”, que vén acompañado dun “duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas exixencias da UE” para acceder a “uns envelenados fondos europeos” que “están a hipotecar o noso futuro”. 

Isto xunto cuns orzamentos tanto galegos como estatais que considerou como “unha suma de medidas inxustas, tanto pola discriminación do destinado á Galiza, como porque non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais” e que veñen acompañados de “lesivas reformas na Seguridade Social” que se suman, dixo, “á última reforma laboral, na que nin recuperamos, nin gañamos dereitos, mentres avanza, baixo novas formas, a precariedade laboral”. 

Carril explicou que nestas contas van “máis cartos públicos para armamento, máis medidas para impor o pacto de rendas e o nefasto diálogo social, con subas salariais que non garanten poder adquisitivo dos salarios, mentres o Salario Mínimo Internacional (SMI) e as pensións seguen por baixo do recomendado pola Carta Social Europea”.

"Plan de choque"

O secretario xeral da CIG demandou "un verdadeiro plan de choque” no que se contemplen medidas como a creación dunha tarifa eléctrica especial, fixar o SMI en 1.197€ ao mes ou o recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos e a recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61.

Tamén demandou a prohibición de simultanear a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) con outras medidas de recorte laboral, garantir o cobro durante todo o ERTE de 70% do salario completando as empresas até 100%, que o tempo de desemprego por aplicación dese ERTE non se entenda consumido e que se derrogue a reforma laboral de 2012. 

Así mesmo, Carril pediu a aprobación dunha renda de inserción laboral e social, prezos máximos da gasolina e do diésel, a prohibición dos desafiuzamentos durante 2022 e 2023,  o incremento do parque público de vivendas sociais, a conxelación das rendas de alugueiro e conxelar as cláusulas nas hipotecas. 

"Pacto de perdas"

A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, rexeitou medidas “en moitos casos avaladas e referendadas por organizacións sindicais que pactan á mínima de cambio, deixando ás clases populares na estacada”. 

Como exemplo puxo a perda de poder de compra que están a padecer as persoas pensionistas da Galiza, agravada coa que definiu como “tramposa” revalorización das pensións que o Goberno estatal introduciu a través da reforma do ano pasado, porque “en lugar de actualizar a contía das pensións co Índice de prezos de Consumo (IPC) real, se actualizan co IPC medio” o que supuxo que neste ano "perderan 4% do seu valor". 

Méndez referiuse tamén ao acordo para o incremento salarial do persoal público, que alcumou como “pacto de perdas”, porque "supón que a perda de poder adquisitivo do persoal das Administracións públicas, que xa era de perto de 20%, debido ás medidas impostas pola crise do 2008, será de 10% engadido".

Comentarios