Acusan residencias de maiores de obrigar a auxiliares a exercer como enfermeiras

A Consellaría de Política Social nega esta denuncia por parte do comité de representación do seu propio cadro de persoal. A denuncia fala, en concreto, do que supostamente acontece en centros de atención á terceira idade en Caranza, no concello de Ferrol, e Oleiros. Con independencia desta acusación, o certo é que algúns grupos que operan na Galiza precisan profesionais da enfermaría para garantir a atención.
Unha usuaria dunha residencia no comezo da campaña para a terceira dose da vacina. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Unha usuaria dunha residencia no comezo da campaña para a terceira dose da vacina. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O comité de representación laboral de Política Social na Coruña vén de denunciar que a auxiliares de enfermaría de residencias de maiores se lles está obrigando a facer funcións de enfermaría. Porén, desde o departamento que dirixe Fabiola García negaron que tales acusacións sexan certas.

A través dun comunicado, o comité vincula esta situación supostamente irregular coas direccións das residencias da terceira idade de  Caranza-Ferrol e de Oleiros, pois entende que ambas están "obrigando" a auxiliares de enfermaría "a facer funcións desempeñadas polo persoal titulado en grao de enfermaría".

Desde a Xunta négano e afirman que, de acordo co que figura no convenio do Imserso, o persoal de enfermaría "prepara a medicación" e as auxiliares "adminístrana".

O comité apunta que as e os auxiliares "carecen de formación en farmacoloxía"

"Non levou a cabo ningún cambio de funcións", apuntan fontes da Consellaría de Política Social.

"Sempre que nunha residencia pública leva a cabo unha mellora organizativa, esta se consensúa co persoal", afirma.

A pesar destas explicacións chegadas desde o Goberno galego, no comité indican que, en cadanseu comunicado interno das dúas direccións, "fan unha modificación do regulado por lei" e afirman que no remitido desde a residencia de Ferrol fálase "claramente" de "preparar" medicamentos. Respecto diso, apuntan que as e os auxiliares "carecen de formación en farmacoloxía".

O comité entende que isto implica "unha nova baixada da calidade asistencial, o que demostra unha vez máis o desprezo tanto ao seu persoal coma ás e aos residentes". Falan así dunha "orde temeraria" que pode levar a "incurrir nun posíbel intrusismo".

Na procura de persoal de enfermaría

Curiosamente, a falta de profesionais na rama de enfermaría parece unha problemática coa que loitan os xeriátricos nos últimos tempos. Non é difícil atopar todo tipo de ofertas destinadas a xente con estes estudos en páxinas web de contratación. De feito, unha das grandes bolsas de emprego en diversos centros é a de Domusvi.

Comentarios