Acusan a CESM de pactar co Sergas "só unha subida de soldo"

Un acordo de carácter remunerativo puxo fin na madrugada da quinta feira á folga indefinida convocada en solitario pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) entre o persoal facultativo e o persoal médico residente do Sergas. Un acordo "clasista" e que "non resolve problemas", di a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, entidade que defende as mobilizacións convocadas para o día 26 por SOS Sanidade Pública polo futuro da Atención Primaria.
Reunión da anterior mesa sectorial de Sanidade, o pasado 14 de abril. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Reunión da anterior mesa sectorial de Sanidade, o pasado 14 de abril. (Foto: Xunta da Galiza)

O documento asinado por CESM e a Consellaría de Sanidade recolle un pacto para oito demandas concretas das 30 que integraban a táboa reivindicativa coa que o sindicato médico iniciou unha folga indefinida o pasado 11 de abril e que se estendeu durante nove xornadas.

O acordo alcanzado contempla unha suba do prezo das gardas, tanto presenciais como localizadas, cunha retribución superior para as prestadas os domingos e os festivos, a consideración do 24 e 31 de decembro como de especial significación e unha reconfiguración do complemento específico que, segundo CESM, se lles nega a 1.400 facultativos que compatibilizan a súa actividade na pública e na privada.

Son os logros fundamentais que o Sergas trasladou esta quinta feira á mesa sectorial de sanidade, o principal órgano de negociación onde están representados os sindicatos CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT, mais non CESM. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo esta quinta feira que o trato alcanzado "é unha boa nova" dentro da "folla de ruta do Sergas para introducir melloras progresivas, materiais e retributivas". 

Un acordo "clasista"

Para o secretario da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Xosé María Dios, o acordo que vén de asinar o Sergas con CESM "é exclusivamente económico para unha elite de profesionais que traballan na pública e mais na privada, cuxo único obxectivo era cobrar o complemento de exclusividade que agora lles recoñecen –a falta de negociacións–" e que non vai resolver "para nada" os problemas reais da Atención Primaria.

En declaracións a Nós Diario, Dios puxo o foco nas consecuencias de nove días de folga: 1.600 cirurxías e 33.000 consultas externas adiadas. Unha folga, precisou, "en contra de todo, do conxunto do persoal sanitario e da xente, que foi quen se viu prexudicada para beneficio dunha minoría clasista e peseteira que representa só 5% do colectivo".

Se a Administración do PP quere resolver os problemas da Primaria, reflexionou Dios, "que aprobe o 9 de maio a Iniciativa Lexislativa Popular que presentou SOS Sanidade Pública". Aí figuran as solucións do Consello Técnico de Atención Primaria. "Aí están todas as chaves para un novo modelo" que o acordo alcanzado con CESM ignora, porfiou. "Nada di de incrementar o orzamento até 25%, de recuperar as xerencias de Primaria, do aumento de persoal, de axendas de calidade..., só de subir 3 euros as horas de garda".

Neste sentido, a CIG-Saúde avanzou a este xornal que deu un ultimato ao Sergas na mesa de negociación sectorial para que "tome en serio" un acordo de "melloras retributivas e de condicións de traballo para o conxunto do persoal sanitario", nin parcial nin para unha soa categoría. O reforzo do sistema ten que ser integral, afirmou Manuel González Moreira, que advertiu que o acordo asinado por CESM e Sanidade é "un acordo para a fin dunha folga que pode activar outra".

Comentarios