230 persoas perderon a vida en accidentes laborais no Estado español nos primeiros catro meses do ano

A estatística de Traballo revela ademais que dos 230 traballadores que perderon a vida nun accidente laboral até abril, 2021 eran asalariados (-15,5%) e 29 eran traballadores autónomos, 45% máis.
Durante o ano 2021, 53 persoas traballadoras morreron por accidente laboral na Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera Durante o ano 2021, 53 persoas traballadoras morreron por accidente laboral na Galiza (Foto: Europa Press).

Un total de 230 traballadoras e traballadores faleceron en accidente laboral nos catro primeiros meses de 2023. A maior parte dos accidentes mortais prodúcense por infartos e derrames cerebrais, accidentes de tráfico, atrapamentos e amputacións, caídas e colisións contra obxectos en movemento.

Os accidentes con baixa laboral diminuíron 0,5% até abril en relación ao mesmo período de 2022, até un total de 193.231 sinistros, dos que 167.685 se produciron no centro de traballo (2,2% menos) e 25.546 foron accidentes in itínere (os que se producen no traxecto de casa ao traballo ou viceversa), cun avance interanual de 12,2%.

De acordo con os datos provisionais do Ministerio, os accidentes mortais en xornada de traballo baixaron 7,9% no primeiro cuadrimestre, ao rexistrarse 197 falecidos, 17 menos que en igual período de 2022, mentres que os sinistros in itínere con resultado de morte diminuíron 25%, até un total de 33 falecidos.

Dentro dos accidentes mortais en xornada de traballo, o sector servizos rexistrou o maior número de falecidos, 107, o que supón 15,1% máis que no período xaneiro-abril de 2022. Servizos foi o único sector que elevou a cifra de sinistros mortais respecto ao ano pasado.

Os accidentes graves en xornada de traballo sumaron 1.198 até abril, 0,7% menos, mentres que os sinistros in itínere de carácter grave subiron 6,2%, até os 290 accidentes.

Pola súa parte, os accidentes leves en xornada de traballo baixaron 2,2% nos catro primeiros meses do ano, até un total de 166.290, en tanto que os sinistros in itínere cualificados como leves aumentaron 12,3%, até os 25.223.

Mortes de autónomos

A estatística de Traballo revela ademais que dos 230 traballadores que perderon a vida nun accidente laboral até abril, 2021 eran asalariados (-15,5%) e 29 eran traballadores autónomos, 45% máis.

En total, os traballadores por conta propia sufriron até abril 10.852 accidentes laborais con baixa, 0,1% menos que no mesmo período de 2022, cun aumento de 0,4% nos sinistros en xornada de traballo e un descenso de 6% nos in itínere.

Así mesmo, segundo os datos provisionais do Ministerio, até abril notificáronse 177.469 accidentes sen baixa laboral, 2,9% máis que en igual período de 2022.

Comentarios