DíA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Un 10 de marzo de combate contra a pobreza e polo emprego

Diversos actos e mobilizacións decorrerán ao longo desta terza feira en cidades e vilas do país para conmemorar unha data clave para o movemento sindical de Galiza. HORA E LUGAR DE TODAS AS MANIFESTACIÓNS.

amador e daniel
photo_camera Monumento ao 10 de marzo

Van xa 43 anos daquel 10 de marzo de 1972 no que a represión contra as mobilizacións obreiras que, especialmente en Vigo e Ferrol, tomaban as rúas na defensa de dereitos laborais, políticos e sociais; deixou dous mortos (Amador Rei e Daniel Niebla) e centos de detidos. Catro décadas despois, o 10 de marzo segue a ser unha xornada de mobilización e combate, desta volta contra a pobreza e as políticas contrarias á maioríasocial, polo emprego e a xustiza social.

A CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo para reivindicar “emprego e salarios dignos” como única forma de frear o empobrecemento social a causa “das políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do Estado”. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades galegas. O acto central da xornada, no que participará o secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla e nunha manifestación.

A CIG describe unha situación preocupante: “Galiza conta na actualidade con 969.000 persoas asalariadas, das cales 301.000 -o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648 euros/mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200 euros /mes, o 18,2% do total. No Estado máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación. O salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos”.

Outro sindicato que anunciou actos para o 10 de Marzo é CCOO, que sob o lema ‘’Polo emprego e a xustiza social’’ conmemorará esta data con actos e manifestación en Ferrol.


Lugar e hora das mobilizacións da CIG

Ferrol: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.

A Coruña: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.

Compostela: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

Lugo: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.

Ourense: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.

Pontevedra: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.

Vigo: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.

CCOO convoca unha manifestación en Ferrol, con saída ás 19:30 do monumento 10 de marzo.


 

Comentarios