Axenda de mobilizacións para o 10M

O 10 de Marzo, a clase traballadora reaxe

Como un cordón umbilical, o 10 de marzo deste 2017 conecta con aquel 10 de marzo de 1972 que forxou o Día da Clase Obreira Galega. Case medio século no que a clase traballadora se reclama como un suxeito protagonista na historia deste país. Abrimos o Sermos Galiza 237 cunha reportaxe sobre o 10 de Marzo. Deixamos un extracto.

Ferrol 72- Fundación 10 de marzo
photo_camera Imaxe: Fundación 10 de marzo

“Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña”. Daniel é Daniel Niebla, un dos dous obreiros asasinados (o outro é Amador Rey) na represión policial do 10 de marzo de 1972 contra os traballadores de Bazán que se manifestaban en Ferrol. Quen lembra, Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO. “En Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado”, sostén. Algo do que o franquismo tiña coñecemento e que lle preocupaba.

7O responsábel dos servizos secretos franquistas, Coronel Sanmartín, recolle no seu informe El libro rojo de la subversión que entre as zonas perdidas para o réxime de Franco están as minas asturianas, o País Vasco e “Bazán e a Ría de Ferrol”. Pasou case medio século desde aquela. O 10 de marzo está asentado no calendario de Galiza como o Día da Clase Obreira Galega. Esta sexta feira varias mobilizacións percorrerán o noso país da man dos diferentes sindicatos, desde CIG a CCOO.

Axenda de mobilizacións para este 10 de Marzo:

  • Vigo: manifestación dende o cruce da Dobrada ás 20.00 horas.
  • Ferrol: ofrenda floral no monumento 10 de Marzo ás 12.00 horas e manifestación dende o local da CIG (Avenida de Esteiro) ás 20.00 horas.
  • Lugo: manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla) ás 20.00 horas.
  • Ourense: manifestación dende a Subdelegación do Goberno ás 19.30 horas até a Praza Maior.
  • Vilagarcía: concentración na Praza de Galiza ás 20.00 horas.
  • Pontevedra: concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas.
  • -Santiago: manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
  • A Coruña: manifestación dende a fábrica de Brens (Cee) ás 19.30 horas até a Praza do Concello.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra e unha entrevista con Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, no Sermos Galiza 237, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios