A Xunta deulle o visto bo a que Altri pinte de verde a cheminea que verterá 8.754 quilos diarios de gases contaminantes
Ulloa Viva cuestiona como "de parte" o informe de Patrimonio Cultural e a Xunta da Galiza defende a súa "imparcialidade".
Altri propón converter a cheminea de 75 metros da celulosa da Ulloa "nunha icona" coa súa cor —fixa tons como o verde, marrón ou gris que "se mimeticen coa contorna"—, a súa forma e a través de "incorporar elementos decorativos ou artísticos que a convertan nun elemento icónico en lugar dunha intrusión visual".
Así figura no informe de Patrimonio Cultural, un dos máis de 30 nos que se basea a declaración de impacto ambiental á que deu luz verde a Xunta, no que informa favorabelmente este proxecto en Palas de Rei (A Ulloa).
O informe recoñece que "o principal impacto visual é o da cheminea", polo que avoga por deseñala "cunha forma (que ten que ser cilíndrica) que harmonice a súa contorna". Aposta por "un deseño arquitectónico maior que converta o complexo industrial nun elemento arquitectónico atractivo".
De feito, o Goberno galego aposta por traballar con escolas de belas artes e arquitectura do territorio "formas de expresión e conceptuais".
Impacto "importante" no Camiño
Así mesmo, este informe asinado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, recoñece un impacto "importante" da fábrica de Altri sobre o Camiño e o castelo de Pambre, "polos cambios que se xeran na contorna", así como "moderado" para o Castro de Remonde.
Con todo, estabelece medidas preventivas e correctoras que a Xunta ve suficientes para garantir a preservación do Camiño. Entre outras cuestións, para minorar o impacto visual considérase "fundamental" un cinto verde e vexetación media e alta de separación entre a fábrica e o roteiro xacobeo. A actuación de acceso á planta que afecta a área de amortecemento do Camiño "deberá reflectirse nun proxecto de urbanización e paisaxismo" a entregar a Patrimonio Cultural.
Ademais, fixa unha serie de requirimentos a cumprir, tales como unha proposta de conservación do Petróglifo de Tras da Costa e a preservación do Camiño da Rigueira.
Ulloa Viva cuestiona como "de parte" o informe
Así, a Plataforma Ulloa Viva censura que este informe "se fundamente substancialmente en dous informes externos, contratados e pagos por Altri, que foron redactados por dúas persoas estreitamente vinculados con Icomos-España, Jordi Tresserras, ex presidente, e Alonso Campanero, actual tesoureiro da súa xunta directiva, neste último caso como director de Proskene SLP".
"A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acepta e dá por bos ditos informes", recrimina, "sen que figuren no expediente nin conste a emisión por parte do persoal dos servizos técnicos da Consellaría documentos de análises e valoración dos devanditos informes externos".
Tamén mostra a súa "sorpresa" Ulloa Viva por que o informe "se subscriba o 4 de febreiro de 2025, só sete días hábiles despois de que Altri presentase por rexistro, 23 de xaneiro de 2025, os últimos informes".
Así mesmo, a plataforma cualifica como "inaudito" e "desatino argumental" querer que a cheminea "se converta nunha icona", unido ao "atentado visual na paisaxe e campo visual do Camiño de Santiago".
Consultada en relación con esta denuncia de Ulloa Viva, a Consellaría de Cultura defende que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural "elaborou un único informe sectorial exhaustivo, competo, obxectivo e baseado no traballo dos propios técnicos desta área, tal e como procede en todos os que realiza e emite este departamento".


