Denuncian o "despedimento masivo de persoal interino" en Educación

A CUT chama a mobilizarse na defensa dun proceso de estabilización de docentes que "remate co abuso da temporalidade".
Unha crianza nun pupitre dunha aula galega. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha crianza nun pupitre dunha aula galega. (Foto: Europa Press)

A central sindical CUT fai un chamamento a manifestarse esta segunda feira, 1 de agosto, ás 11.30 horas, fronte á sede Consellaría de Educación (Santiago de Compostela), por mor da falta de persoal no ensino público.

Así, nun comunicado, desde o sindicato denuncian o "despedimento de traballadores temporais para o próximo curso". Neste senso, sinalan que esta situación "afectará todas aquelas persoas que desenvolveron o seu traballo como interinas ou substitutas".

Aseguran tamén que esta circunstancia é froito de "anos de recortes e unha política de privatización e de transferencia de recursos públicos cara ao ensino privado".

Na mesma liña, engaden que xa presentaran no 2021 no Parlamento da Galiza unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para a estabilización do persoal temporal da Xunta "que foi rexeitada" na Cámara.

A CUT insiste na "falta dun proceso de estabilización" do persoal temporal da Administración galega que "remate co abuso da temporalidade"; unha situación de "fraude de lei" e pola cal "as institucións europeas reclamaron ao Goberno unha solución".

Incidencias no CAPD

Por outra parte, a CIG-Ensino advertiu recentemente de varias "incidencias" no último Concurso para a Adxudicación de Destinos Provisionais (CAPD) impulsado pola Consellaría de Educación.

"Hai casos de especialidades nas que non se lle adxudica destino a todas as persoas que aprobaron as oposicións, como é o caso de Portugués. Van ter destino todas aínda que non nos adiantan máis [desde a Consellaría]", subliñaron.

Noutras especialidades, como Francés, "hai numerosas vacantes que se lle adxudican a docentes doutras especialidades".

Comentarios