O departamento de Saúde Pública do Sergas activou o protocolo de ébola após o ingreso esta terza feira no Complexo hospitalario un iversitario da Coruña dun mozo guineano de 24 anos que presentaba febre desde hai varios días. Ante a posíbel sospeita de que poidese ser un caso de ébola, solicitáronse os medios anti-contaminación e tomáronse mostras para confirmar ou descartar se é ese virus.
Segundo o comunicado da Consellaría de Sanidade esas mostras foron remitidas ao Centro de Microbioloxía de Madrid para a súa análise. As primeiras análises deron negativo e o resultado das segundas non se coñecerá até a sexta feira. O doente foi trasladado ao Hospital Meixoeiro de Vigo, centro de referencia para casos de ébola. En caso de se confirmar, será derivado a un dos centros fixados no Consello Interterritorial do sistema de saúde.
O Chuac pediu ao persoal que atendeu a este doente que permaneza na casa. Sanidade convocou para as 11:00 unha rolda de prensa para informar polo posíbel caso de ébola.
Confusión
A presidenta da Xunta de personal da área sanitaria da Coruña, María Seijo, denunciou "confusión" e "desconcerto" na aplicación do protocolo do ébola,após a chegada ao servizo de urxencias dd Chuac dun mozo con síntomas de poder ter ese virus. En declaracións a Europa Press, Seijo di que os profesionais de Urxencias transmitiron que houbo "confusión".