“Semella unha provocación por parte do PSOE”. Así responde o BNG de Betanzos á elección, por parte do Goberno local, de Antonio Fraga Mandián como pregoeiro das festas de San Roque. Un feito que motivou que a forza nacionalista anunciase que non acudirá á lectura do pregón.
“Non asistiremos á lectura do pregón porque nos parece lamentábel que o goberno local do PSOE escollera unha persoa que fixo gala, desde o seu posto na xudicatura, de incumprir a Lei de Normalización Lingüística para manter o uso do topónimo deturpado da cidade da Coruña, chegando mesmo a denunciar o presidente da Mesa pola Normalización lingüística e o portavoz do BNG no Parlamento no seu momento”, explica a dirección do BNG de Betanzos nun comunicado de imprensa.
“Ter nacido en Betanzos non é mérito abondo para dar un pregón, sobre todo logo de facer gala de incumprir a lexislación sobre o maior patrimonio das galegas, que é o noso idioma”, engade o BNG.
O ex xuíz decano da Coruña chegara a sentar no banco de acusados o ex presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón –que resultara absolto–, por denunciar que facía gala de incumprir a Lei de Normalización Lingüística. Callón fora imputado por un delito de inxurias após terlle recriminado a Fraga Mandián o incumprimento da citada lei, ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña"..