A Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña non realizará as Xornadas de Traballo Sexual. A treboada, sobre todo nas redes sociais, xeradas por esta actividade ao entender unha parte do feminismo que normalizaban a prostitución como actividade laboral, acabou por obrigar a UDC a cancelar este debate. “Esperamos que no futuro se poida debater sobre este e calquera outro tema co respecto que merece unha institución de educación superior”, indican
A decisión anunciouna a UDC a través dun comunicado. “O forte rexeitamento, fustigación e crueldade que sobre este tema estamos a sufrir nas redes sociais, as falsas informacións que distorsionan a realidade e os comentarios recibidos fannos prever a imposibilidade de garantir a seguridade do debate nin a súa calidade académica”, afirman.
A Universidade, lembra a UDC; é un espazo “de libre circulación de ideas”, “foro natural para o debate, libre de censuras e prohibicións”. Mais, engaden, nesta ocasión “non se reúnen as condicións necesarias é por iso que nos vemos obrigados a rexeitar, conxuntamente coa Facultade de Socioloxía, a realización na Universidade da Coruña das Xornadas sobre Traballo Sexual organizadas por unha alumna da Facultade de Socioloxía”.
Reitera a UDC o seu compromiso “incuestionábel” co feminismo e indica que o debate da regulamentación ou aceptación da prostitución como traballo sexual (“a ONU e Amnistía Internacional recoñéceno como tal”) e de como se protexen os dereitos das persoas “que, sofren esta explotación sexual” está no propio movemento feminista. “Este debate non é exclusivo da universidade senón da sociedade e debe ter un foro aberto no que poder tratalo co acougo que agora falta”.
A Universidade tamén quer agradecer os apoios e mostras de solidariedade recibidas nestes días.