“Independentista de mierda. Iso me dixeron. En realidade foi un home dun grupiño de catro. Empurroume e tiroume coas gafas”, di Miguel Ucles. “Eu fun deixar ao coche unhas bandeiras e unhas camisetas. Si, a miña camiseta leva escrito un dos lemas das nosas protestas: 'Vigo sen bombeiros'. Pero nada máis... síntome máis ferido na dignidade como persoa que polo susto ou polo golpe. Non, non respondín”.
Miguel estaba só. Recriminou a súa actitude ao home. Mirou ao redor a ver se alguén lle botaba unha man. “Había centos de persoas nunha praza enorme, pero mostráronse indiferentes”. Despois camiñou “uns trescentos metros” seguindo ao grupiño na procura dalgún axente para denunciar a agresión. Non apareceu ningún. Finalmente non denunciou.
“Contei a historia a varios compañeiros e un colgou unhas liñas no Facebook. Estou recibindo apoios de toda España. O que me preocupa disto é cara onde vai o sistema democrático e a convivencia. Temos que paralo”, explica Miguel por teléfono a Sermos Galiza.
Nun comunicado emitido despois das sete da tarde,o BNG expresoua súa "solidariedade co bombeiro vigués, após ser obxecto dunha agresión fascista ao remate dunha mobilización estatal en Madrid do colectivo dos bombeiros no día de onte".