Sermos Galiza: De Ledicia Costas e Din Matamoro a videoxogos de fútbol

Ledicia Costas (Imaxe: Cedida)

Aproxímase o sábado, día en que verá a luz o semanario Sermos Galiza, que nesta ocasión recolle unha ampla entrevista coa escritora Ledicia Costas, unha reportaxe sobre a obra de Din Matamoro no Marco de Vigo e outra sobre o éxito do fútbol virtual da man dos videoxogos. Mais iso non é todo. Un roteiro, teatro, música, cinema e literatura completan a oferta de contidos.

Sermos Galiza chega este sábado aos quioscos, co Nós Diario, protagonizado por unha das escritoras máis brillantes das letras galegas actuais, Ledicia Costas. A xornalista Montse Dopico entrevista unha das moi poucas galegas que conseguiron vivir da literatura, e escribindo nunha lingua minorizada.

Avala Costas unha traxectoria recoñecida, entre outros, co Premio Merlín, o Lazarillo, o White Ravens ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura español.

Na conversa, descubrimos unha Ledicia Costas cuxo percorrido, como ela di, está marcado polo feminismo e pola empatía coas persoas marxinadas por seren diferentes.

Din Matamoro e a arte

Tamén ve a luz no Sermos Galiza a visión de Carlos Lema sobre a obra de Din Matamoro, unha mostra inaugurada o 4 de xuño co título de “A mirada acesa”.

O coautor do álbum ilustrado Mondas (con María Infantes, Euseino? Editores, 2019) achéganos unha escolla das obras que realizou durante os últimos anos.

Sinalan Miguel Fernández Cid e Pilar Souto Soto, encargados da exposición, que a pintura aparece nela como "materia viva". Así e todo, neste artigo, Carlos Lema achégase á obra de Matamoro prescindindo desa diferenza entre materia viva e materia inerte ao considerar a obra pictórica sen dependencia ningunha respecto da mente nin da mirada do suxeito.

O fútbol e os videoxogos

O xornalista Héctor Pena publica neste número de Sermos Galiza unha reportaxe sobre a moda dos videoxogos de fútbol.

"Sobre os videoxogos aínda sobrevoa unha pátina de altiveza e incomprensión, herdada dos tempos en que pexorativamente se lles denominaba os marcianitos e eran considerados como unha perda de tempo. Nada máis lonxe da realidade", explica.

Defende que hai anos que son unha sólida industria que factura moito máis que o cinema e a música, e a súa vertente futbolística, representada pola saga 'Fifa', ten tanta aceptación que mesmo Florentino Pérez expresou a súa preocupación polo feito de que a rapazada prefire xogar na consola que ver un partido real.

De teatro a cinema e máis!

Ademais, neste número de Sermos Galiza coñeceremos, da man do Colectivo Xea, as Xunqueiras de Alba, en Pontevedra. Convídannos a realizar unha andaina apta para toda a familia dada a súa escasa dificultade.

Ademais, Mario Regueira escribe unha crítica sobre Sibila, a nova obra de Rosa Aneiros, e Susana Sanches Arins fai o propio con As probas do mago, de Vanessa Santiago.

Belém Tajes e César Moran achégannos a súa visión sobre a música, e Andrés Castro debulla o máis especial que poderemos atopar no cinema esta semana. Tamén escribe unha crítica sobre o filme Nun barrio de Nova York.

O teatro está presente no número que verá a luz este sábado grazas a Manuel Xestoso, que analiza Espécies Lázaro, de Vanesa Sotelo. Ademais, informa das obras que poderemos ver nas próximas semanas.

E para non aburrirnos, incluímos o pasatempos que cada semana constrúen Xerardo R. Roca e Xoán Costa.