As autoras encabezan os 50 libros máis lidos polos clubs de lectura escolares

Oito mulleres nos dez primeiros postos, con 'Infamia', de Ledicia Costas, na primeira posición
Ledicia Costas (Xerais).
Ledicia Costas (Xerais).

Segundo a escolma publicada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares dos 50 libros máis lidos polos Clubs de Lectura durante o curso 2019/2020, as mulleres teñen un peso fundamental como autoras das catro obras que máis circularon por estes grupos.

Á cabeza sitúase Infamia (Xerais), de Ledicia Costas, presente en 29 destas entidades, unha novela que protagoniza a avogada Emma Cruz ao trasladarse a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza coa misteriosa desaparición de dúas cativas.

Superando a vintena tamén se colocan Memoria do Silencio (Xerais), unha achega de Eva María Mejuto á presenza nazi na Galiza, e a viaxe transatlántica d'Os nenos da varíola (Galaxia), de María Solar, que este mesmo ano viu a estrea da súa adaptación teatral.

A estes tres títulos séguenlles Beleza vermella (Galaxia), de Arantza Portabales, e O último barco (Galaxia), de Domingo Villar.

Ledicia Costas triunfa

Costas demostra a súa boa acollida entre o público con outra entrada no sexto posto da lista, neste caso coa obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, así como se consolida máis abaixo con outros dos seus numerosos títulos para público infantil e xuvenil, como O corazón de Xúpiter; Escarlatina, a cociñeira defunta; Esmeraldina, a pequena defunta... Na sexta posición séguea O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.

Tamén tradución

A tradución ao galego tamén ten peso entre as pezas máis lidas polos clubs, por exemplo con O neno do pixama de raias (Kalandraka), de John Boyne, na oitava entrada, ou Enderezo descoñecido (Xerais), de Kresmann Taylor, xa na décimo segunda.

A listaxe dá conta, aliás, do galego como lingua maioritaria de lectura entre as obras dos diversos clubs escolares. 

Comentarios