Mantéñense as restricións en toda A Mariña en aforamentos, horarios de feche, número máximo de persoas nunha xuntanza ou prohibición de verbenas. Mais hai cambios a respecto da mobilidade. Sete concellos desta área (O Vicedo, Ourol, Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada) recuperarán a “mobilidade total” e a súa veciñanza poderá moverse con liberdade por Galiza.
Noutros seis concellos (Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo) a Xunta permitirá a mobilidade entre eles. E, finalmente, en Burela, os seus habitantes non poderán saír do termo municipal agás naquelas excepcións previstas.
Esta é a decisión anunciada polo conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, após a xuntanza do comité de expertos. A Mariña fica dividida en tres zonas, Un ‘foco quente’ que se cinxe a Burela por ser onde hai unha incidencia acumulada (I.A) de casos de coronavirus “alta”.
Unha segunda, “zona morna”, cunha I.A “importante” e que conforman os concellos costeiros da comarca agás O Vicedo. E unha terceira, “zona fría”, na que están eses 7 municipios que recuperan a mobilidade total.
En calquera desas tres zonas, iso si, mantéñense durante 5 días as restricións en aforamentos, horarios ou reunións.
Estas novas disposicións fixaranse nun Diario Oficial da Galiza (DOG) especial que se publica esta sexta feira e que serán aplicábeis desde as 00:00 horas.
“Brote controlado”
O conselleiro afirmou que na Mariña o brote está “controlado”, argumentando que non hai risco de “diseminación” da Covid e que o número de persoas hospitalizadas é “baixa”.
Unha afirmación que o conselleiro realiza no día en que o número de casos activos aumenta, segundo informa o Sergas, en 17 e xa suman 182.
En canto a casos positivos rexistrados nas últimas horas son 19.