A ministra de Sanidade, Carolina Darias, afirmou que o Ministerio e os gobernos territoriais non abordaron no encontro desta sexta feira a retirada da máscara no transporte público debido á recomendación dos expertos do Relatorio de Alertas e ao "ascenso leve" de casos da Covid-19.
"Non saíu, non foi obxecto de comentario nin estaba na orde do día. Non o fixo ningún dos conselleiros", explicou a ministra en rolda en Santiago de Compostela, após a reunión do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS).
Darias lembrou que, no último CISNS, o Ministerio e as comunidades autónomas coincidiron en que fosen as persoas expertas "as que sigan asesorando na toma de decisións" sobre a retirada ou non das máscaras no transporte público.
"O Relatorio de Alertas reuniuse recentemente e concluíu que hai que seguir agardando o momento. Estamos nunha tendencia ascendente, é certo que leve e sen impacto hospitalario polo de agora, mais o Relatorio dixo que o quere seguir valorando", esgrimiu a ministra.
Os contaxios, en aumento
Darias detallou que desde o 23 de agosto até o 9 de setembro a incidencia de casos de Covid-19 baixaba ao redor de 1,7% ao día. Con todo, desde o 30 de setembro observouse unha "lixeira tendencia ascendente", de 1,1% diaria.
No informe de Sanidade desta sexta feira, adiantado pola ministra, a incidencia en persoas maiores de 65 anos avanzou 13 puntos a respecto da terza, situándose en 168 fronte a 155,55 casos por cada 100.000 habitantes.
Sexa como for, e tal e como precisou a ministra, esta lixeira suba non se está a traducir nun aumento da ocupación hospitalaria, que segue a ser "a máis baixa de toda a pandemia".