Esta quinta feira, 14 de abril, fixéronse 91 anos da proclamación da II República española, unha curta época de progreso que interrompeu o golpe de Estado fascista apenas cinco anos despois. Na Galiza, se ben apenas houbo combates porque as tropas de Francisco Franco se impuxeron cedo pola forza, dando pé a unha sanguenta e cruel represión, a cidadanía estaba preparada para se protexer dos posíbeis ataques.
Daqueles escuros tempos quedan aínda algúns vestixios, como é o caso da rúa Ronda de Don Bosco de Vigo, onde o símbolo pintado na parede dun edificio indica a existencia dun refuxio antiaéreo. Tamén salienta o búnker do monte de San Pedro, na Coruña, que ordenou construír o ditador Miguel Primo de Rivera, mais neste caso con fins "intimidatorios" de cara a posíbeis ataques, e non pensado para acoller civís.
Se callar, o lugar máis emblemático da resistencia antifranquista é a Cidade da Selva ergueita nos montes de Casaio, que xurdiu como asentamento de milicianos galegos e do resto do Estado que loitaban contra o franquismo unha vez rematada a guerra.
Tamén cómpre lembrar o caso de Cambedo, unha aldea da localidade lusa de Chaves que fai fronteira con Oímbra e que en 1946 foi duramente atacada por servir de refuxio de milicianos antifranquistas. Os restos daquel lugar foron descubertos varias décadas despois nunha prospección arqueolóxica.
Constrúa o seu propio búnker
Agora, case un século despois da última guerra que sufriu a Galiza, o temor a un novo conflito a grande escala como foi a II Guerra Mundial está a provocar un 'boom' na construción de búnkeres, un sector que nos últimos anos experimentou un importante crecemento co xurdimento de diferentes empresas.
En 2018 o empresario onubense Francisco Márquez decidiu deixar o sector da construción, ao que se dedicara toda a vida, para ir un paso máis aló: os edificios baixo terra. A súa compañía, Underground Buildings, constrúe búnkeres a medida para particulares.
"Desde que estoupou a guerra en Ucraína en febreiro a demanda medrou 90%, estamos notando o medo que ten moita xente a un posíbel ataque", explica, en conversa con Nós Diario. A Galiza, afirma, é o territorio do que máis chamadas recibe "xunto a Madrid e Catalunya". Porén, rexeita ofrecer datos concretos sobre os refuxios que ten construído no noso país porque "todos os contratos teñen unha cláusula de confidencialidade co cliente".
O custo da obra varía en función dos materiais empregados, a localización, a orografía e as dimensións do refuxio, e pode alcanzar os dous millóns de euros. Porén, Márquez constrúe tamén búnkeres 'low cost' a partir de 30.000 euros: "Sería un habitáculo de 3 por 4 metros, o que denominamos un 'cuarto do pánico' no que cabería pouco máis que unha cama", indica.
As infraestruturas que constrúe son fundamentalmente de ferro, polo que o proceso de construción non é demasiado longo: "Dependendo das características do terreo e do que solicite o cliente, podemos construílo en dous meses", di.