A incesábel ameaza do botón nuclear... É posíbel que alguén o prema?

O Stockholm International Peace Research Institute calcula que no mundo hai actualmente máis de 13.000 armas nucleares, a meirande parte en posesión dos EUA e Rusia. 'Nós Diario' analiza co experto en política nuclear e xeoestratexia Daniel Rajmil, da Universitat Oberta de Catalunya, as probabilidades de que estoupase unha hipotética guerra nuclear e das súas consecuencias. Se ben a situación é hoxe "indubidabelmente mellor" que no momento máis crítico da Guerra Fría, Rajmil salienta que non se vivira algo igual "desde a crise dos misís de Cuba".
Fungo atómico conformado tras a explosión da bomba atómica que arrasou Nagasaki, no Xapón, en 1945 (Foto: Getty Images).
photo_camera Fungo atómico conformado tras a explosión das bombas atómicas que arrasaron Nagasaki, no Xapón, en 1945 (Foto: Getty Images).

"Todos os EUA están ao alcance das nosas armas nucleares e teño un botón nuclear sobre o meu escritorio". Esa foi a mensaxe que o líder de Corea do Norte, Kim Jong-un, trasladou en 2018 ao daquela o seu homólogo estadounidense, Donald Trump, en plena escalada da tensión entre ambos os países. "Eu tamén teño un botón nuclear, moito máis grande e poderoso que o seu", replicara Trump.

A popular mención a ese "botón" que desataría o caos a nivel planetario é unha referencia recorrente desde os tempos máis crus da Guerra Fría, cando o daquela presidente estadounidense Lyndon B. Johnson dixo nun debate parlamentario —en 1964— que "un líder debería facer calquera cousa posíbel para evitar premer ese botón que faría explotar o mundo".

Segundo os datos do Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI), en xaneiro de 2021 había no mundo máis de 3.800 cabezas nucleares preparadas para ser utilizadas en caso de que alguén tomase a iniciativa de premer o citado botón, alén doutras 9.000 das que tamén poderían botar man os gobernos que as posúen. "Se atendemos á gran magnitude de armas nucleares dos posíbeis países implicados nun conflito bélico, Rusia e os EUA, vemos que os datos son moi preocupantes", sinala a Nós Diario Daniel Rajmil, profesor e analista experto en política nuclear e xeoestratexia da Universitat Oberta de Catalunya (UOC).

Segundo a mesma fonte, Rusia tería un total de 6.255 armas nucleares ao seu dispor no caso de que fosen precisas; os EUA, perto de 5.550. Tamén o Reino Unido (225) e Francia (290), integrados na OTAN, terían acceso ao arsenal atómico, do mesmo modo que outros países como China (320), India (150), Paquistán (160), Israel (90) ou Corea do Norte (entre 30 e 40). Xa non como "analista", senón como "ser humano", Rajmil advirte do "enorme perigo" de posuír tal cantidade de armas nucleares, "tanto a nivel militar como, obviamente, civil".

"Desde a fin da Guerra Fría e coa ilusión que había por desfacerse das armas nucleares vivimos unhas décadas de calma relativa. A 'desnuclearización' é certa, é evidente que non estamos xa nese escenario, mais a problemática segue aí", explica Rajmil, quen considera que non se atravesou un momento semellante "desde a crise dos misís en Cuba".

O analista salienta que, no seu discurso da quinta feira, o presidente ruso, Vladimir Putin, "volveu pór de manifesto o papel que poderían ter as armas nucleares" na súa acción estratéxica. "É un despecho contra as leis internacionais", di Rajmil, ao tempo que lembra que a OTAN ten despregadas armas nucleares en cinco países europeos: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia e Países Baixos.

Para Daniel Rajmil, o discurso de Putin vai na liña da súa "confianza na disuasión nuclear"; isto é, que o líder ruso podería estar a lanzar esta advertencia para disuadir outros países de entrar no conflito e ofrecer resistencia armada.

Un futuro sen armas nucleares?

A pesar dos acontecementos dos últimos días e a ameaza do arsenal nuclear de novo sobre a mesa, Rajmil matiza: "Non todo é negativo". A situación actual conta, desde o pasado ano, cun novo elemento: o Tratado de Prohibición de Armas Nucleares (TPNW, en inglés). "A diferenza do antigo Tratado de Non Proliferación (TNP), que permitía a estes países posuíren un determinado número de armas nucleares, este novo marco legal avoga polo desarmamento total", sostén.

Mais este pacto, selado no seo da ONU, non está asinado por ningunha das potencias nucleares. Aínda así, defende Rajmil, trátase dun "éxito sen precedentes", xa que o documento foi impulsado pola sociedade civil e "pon en evidencia que a posesión de armas nucleares é inmoral e ilegal".

Malia que faltan aínda moitos pasos que dar cara á desaparición total do armamento nuclear no mundo, Rajmil é optimista: "Estamos no inicio do camiño e queda moito por conseguir".

Comentarios