As formacións políticas explican que é hoxe para elas o republicanismo

A república, actualizada 91 anos despois

Hoxe fanse 91 anos da proclamación, 14 de abril de 1931, da II república española, unha data que máis aló da memoria e do debate e análise histórica serve tamén para preguntar ás formacións políticas sobre que significa para elas na Galiza de 2022 a república e que modelo social e territorial implica. Non todas tiveron a ben responder.
xente, demografía, demográfico, poboación

"Era un tempo de entusiasmo", definiu o escritor e intelectual rianxeiro Rafael Dieste aquel período entre 1931 e 1936 que foi a II república española. Unha definición que na Galiza de 2022 segue a ser partillada por algunhas formacións políticas máis tamén mirada con reservas por outras. Hoxe, 14 de abril, fanse 91 anos da proclamación daquel réxime e trasladamos ás formacións con representación no Parlamento galego a cuestión de como entenden para a Galiza de 2022 o que é o modelo republicano. Unha pregunta á que o Partido Popular da Galiza non deu resposta.

O PP español en 2021, con Pablo Casado na Presidencia, afirmaba en relación ao 14-A que "non celebramos datas que dividan os españois". naquela mesma altura, Alberto Núñez Feixoo —entón presidente da Xunta e do PP da Galiza— afirmaba que o que se vivira no Estado entre 1931 e 1936 fora "unha situación de desgoberno".

Visión antagónica a que teñen desde o BNG e o PSdeG. Luis bará, deputado portavoz na Cámara de Memoria Histórica, mantén en conversa con Nós Diario que, "coas súas luces e sombras", foron aqueles uns anos de "avances e transformacións sociais, de conquista de dereitos e mesmo se abriu unha pequena fiestra para o autogoberno da Galiza".

O secretario de Organización doPSdeG, José Manuel Laxe, pola súa parte, apela en declaracións a este medio a "lembrar que algunhas conquistas non están aí porque si, poden ser fráxiles, xa pasou en 1936 que sepultou todos os avances que chegaron coa república do 14 de abril e temos que estar sempre atentos para non ter unha involución"sinala en referencia a Vox.

A república, na Galiza de hoxe en día

Mais, que é para estas formacións a república a Galiza de 2022? Luis Bará incide en que o concepto de república cobra especial importancia nun contexto de "crise como o actual", no que "vemos como volven gañar os que máis teñen".

Para o deputado nacionalista falar hoxe en día de república é facelo dunha república galega, que abranga "dereitos sociais, democráticos e nacionais".

Monarquía

Para Laxe non se debe de perder de vista que "quen máis ten contribuído a incrementar o republicanismo en España ten sido a monarquía española coa súa falta de exemplaridade". Móstrase precavido sobre a conveniencia a necesidade dun modelo republicano de Estado: "É un ideal amplamente compartido polos valores que representa aínda que non se vexa como unha urxencia política ou social". E engade que "non hai sistemas perfectos", poñendo o exemplo das monarquías parlamentarias escandinavas, "unha referencia en termos democrático".

Luis Bará, porén, mantén que o debate sobre o modelo de república e non de monarquía para a Galiza e o Estado é "actualidade", pois supón unha aposta por "valores que son necesarios" e que tamén repercutirían en clave positiva no "día a día" da cidadanía. "Suporía avanzar en dereitos e en conquistas", acrecenta.

Comentarios