Unha última ollada ao 2022: estas foron as quince noticias máis lidas en 'Nós Diario' ao longo do ano

O accidente mortal dun operario de Tui no seu posto de traballo foi a información máis lida do ano.
A Covid-19, o naufraxio do 'Vila de Pitanxo', as Tanxugueiras, a vaga de incendios, a xestión da sanidade pública ou o aniversario de Sermos Galiza, entre as informacións máis seguidas ao longo do pasado ano.
  1. Novo accidente mortal: falece un operario de 38 anos nunha nave de materiais de construción de Tui
  2. O condutor do autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade recibe a alta e a investigación comeza con "todas as hipóteses abertas"
  3. GALERÍA | Así foi a celebración do décimo aniversario de Sermos Galiza
  4. Que fago se teño síntomas da Covid ou son contacto estreito? Así é o novo protocolo do Sergas
  5. Comeza a folga en Inditex: "40 euros para agradecer 15 anos de traballo"
  6. Tanxugueiras, á final do Festival de Benidorm coa segunda maior puntuación
  7. Deixa unha reclamación "aos ruíns que están a desmantelar a sanidade pública"
  8. Álvaro Mena: "As persoas non vacinadas e non expostas teñen unha situación de moito risco, como abril de 2020"
  9. GALERÍA | O BNG celebra o seu 40 aniversario en Riazor
  10. O irmán do xerente do Consorcio Galego de Benestar é apoderado da empresa propietaria da residencia denunciada de Pazos
  11. Dúas empresas de transporte denuncian prácticas ilegais na distribución de produtos de Coca-Cola
  12. Denuncian úlceras e feridas en usuarios dunha residencia financiada pola Xunta
  13. O lume arrasa todas as vivendas do núcleo do Vilar, no Courel
  14. O Sergas xa non rastrexa os contactos estreitos dun positivo Covid
  15. A tripulación do 'Pitanxo' pediu ao capitán que soltase o aparello cando comezou escorar: "Asasino, quérenos matar"

O ano que vén de rematar estivo aínda marcado pola pandemia da Covid-19, xa na fase definitiva de apertura por mor dos progresos na vacinación mais rexistrando aínda importantes cifras de contaxio, en especial nos primeiros meses do ano. O 2022 foi tamén o ano das Tanxugueiras, dunha nova vaga de incendios durante o verán e de novas denuncias en relación coa xestión dos servizos públicos. Foi, aliás, o décimo aniversario de Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, que aproveitando esta efeméride redeseñou en abril a súa edición dixital. Estas foron as informacións máis lidas en nosdiario.gal ao longo do pasado ano.

Novo accidente mortal: falece un operario de 38 anos nunha nave de materiais de construción de Tui

Os accidentes laborais seguen a ser unha importante lacra na Galiza, que ao longo do pasado ano rexistrou máis de medio cento de mortes no posto de traballo. Nun deses tráxicos sinistros perdeu a vida un home de só 38 anos en Tui, após caer desde unha carretilla elevadora na nave de materiais de construción na que traballaba.

O condutor do autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade recibe a alta e a investigación comeza con "todas as hipóteses abertas"

O tráxico accidente dun autobús que se precipitou ao río Lérez á altura de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, conmocionou todo o país na pasada Noiteboa. O día 26 de decembro este xornal informaba de que o condutor do autocar viña de recibir a alta médica e, a continuación, as autoridades iniciaban unha investigación do sucedido con "todas as hipóteses abertas".

GALERÍA | Así foi a celebración do décimo aniversario de Sermos Galiza

A empresa editora de Nós Diario, Sermos Galiza S.A., celebrou o sábado 11 de xuño o seu décimo aniversario nun acto que contou coas actuacións de Celso Sanmartín e Su Garrido e no que se puxo en valor o traballo da redacción e das colaboradoras e colaboradores do xornal, así como o apoio das persoas subscritoras, que fan posíbel o único diario integramente en galego. A galería de imaxes daquela celebración foi a terceira publicación máis lida do ano.

Que fago se teño síntomas da Covid ou son contacto estreito? Así é o novo protocolo do Sergas

Coa chegada do novo ano e debido aos altos niveis de vacinación, o 4 de xaneiro de 2022 a Consellaría de Sanidade mudou o protocolo de actuación para a detección de casos de Covid-19 e as corentenas, que pasaban de dez a sete días, con outros tres de seguimento.

Comeza a folga en Inditex: "40 euros para agradecer 15 anos de traballo"

A defensa dos dereitos laborais do persoal de Inditex fíxose oco tamén entre o máis lido do ano. Así, na quinta posición ficou unha información na que se recollía o testemuño dunha traballadora da firma que denunciaba discriminación laboral entre departamentos.

Tanxugueiras, á final do Festival de Benidorm coa segunda maior puntuación

Malia que o xurado profesional deixou as Tanxugueiras sen o ansiado billete a Eurovisión na final do Festival de Benidorm, a grande actuación das irmás Sabela e Olaia Maneiro e mais Aida Tarrío nas semifinais valeulles ese pase á rolda definitiva coa segunda maior puntuación, e todo o país trasladou o seu fervoroso apoio.

Deixa unha reclamación "aos ruíns que están a desmantelar a sanidade pública"

A reclamación presentada por un cidadán nun centro hospitalario da área de Compostela en relación co trato recibido polo seu cuñado tornou noutra das noticias máis vistas de 2022 en Nós Diario pola claridade dos termos nos que se expresou, dirixindo a súa demanda "aos ruíns que están a desmantelar a sanidade pública".

Álvaro Mena: "As persoas non vacinadas e non expostas teñen unha situación de moito risco, como abril de 2020"

Coa Galiza superando por primeira vez os 50.000 casos activos de Covid-19 desde o comezo da pandemia dous anos atrás, a alerta xerada en xaneiro de 2022 coa repunta desta enfermidade foi analizada neste xornal nunha extensa entrevista co doutor Álvaro Mena.

GALERÍA | O BNG celebra o seu 40 aniversario en Riazor

Máis dun millar de militantes do Bloque Nacionalista Galego celebraron no frontón de Riazor a fundación da formación nacionalista o pasado 25 de setembro, cando fixo 40 anos. A galería de imaxes daquel acto foi outra das publicacións máis consultadas do ano.

O irmán do xerente do Consorcio Galego de Benestar é apoderado da empresa propietaria da residencia denunciada de Pazos

Lucía Pedroso Suárez é mais coñecida polas súas responsabilidades como directiva da patronal pontevedresa que polos seus propios negocios. Porén, a directora da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén, denunciada ante a Xunta con acusacións por malos tratos, é socia en diversas empresas do sector da dependencia e participa do capital doutros dous centros de maiores.

Dúas empresas de transporte denuncian prácticas ilegais na distribución de produtos de Coca-Cola

Nós Diario tivo acceso a unha denuncia ante a Dirección Xeral de Transporte e Mobilidade (dependente da Xunta da Galiza), interposta por Dona Carmen Soto Lema, actuando en nome da empresa de distribución que administra, Disneria SL, que tivo unha relación comercial con Coca-Cola desde 1988, actualmente rematada, na que se acusa á compañía fabricante do refresco de incumprir a normativa de transportes no relativo á distribución dos seus produtos.

Denuncian úlceras e feridas en usuarios dunha residencia financiada pola Xunta

Traballadoras das Residencias da Galiza e a asociación Vellez Digna veñen de denunciar diante dos responsábeis de Política Social e Sanidade as condicións asistenciais da residencia Mi Casa. O centro localizado en Pazos de Borbén dispón de 22 prazas financiadas na súa integridade pola Xunta.

O lume arrasa todas as vivendas do núcleo do Vilar, no Courel

As lapas dos incendios que afectaron en xullo o concello de Folgoso Courel calcinaron as vivendas do núcleo do Vilar. Trátase dunha zona con especial afluencia no verán, na que persoas doutros lugares da Galiza e o Estado español construíron segundas residencias.

O Sergas xa non rastrexa os contactos estreitos dun positivo Covid

A Galiza deixou o 7 de marzo de rastrexar os contactos estreitos dos casos positivos de Covid-19, en virtude do acordo alcanzado entre os gobernos territoriais e o Ministerio de Sanidade, agás en "ámbitos vulnerábeis". Así se recollía no novo protocolo aprobado naquela altura.

A tripulación do 'Pitanxo' pediu ao capitán que soltase o aparello cando comezou escorar: "Asasino, quérenos matar"

O mariñeiro Samuel Kwesi insistiu na súa declaración na Audiencia Nacional na versión que xa dera á Garda Civil: que o patrón do Vila de Pitanxo, Juan Padín, fixo caso omiso das advertencias da tripulación e que só el e máis o seu sobriño levaban o chaleco salvavidas. Porén, Padín reitera que as palabras de Kwesi non se axustan á realidade.