Ana Pontón pide "ensanchar e ampliar" o BNG no 40 aniversario do nacemento da formación

Máis dun millar de militantes celebraron no frontón de Riazor a fundación do Bloque Nacionalista Galego o 25 de setembro de 1982

Ana Pontón Anima a “ensanchar” un BNG “que ten as portas abertas a todas as persoas que leven Galiza na cabeza e no corazón”
photo_camera Ana Pontón Anima a “ensanchar” un BNG “que ten as portas abertas a todas as persoas que leven Galiza na cabeza e no corazón”

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou cunha cita de Salvador Allende a intervención no acto do 40 aniversario do BNG: “A Historia é nosa e fana os pobos”, proclamou ante máis dun millar de militantes que enchían o frontón de Riazor, o lugar que o 25 de setembro de 1982 foi escenario da fundación do Bloque Nacionalista Galego.

Non sempre foi un “camiño de rosas”, destacou, “pero o BNG chega aos 40 anos en plena forma e disposto a saír a gañar, a gañar unha saída xusta e galega a esta crise, a gañar un futuro mellor, con máis BNG nos concellos, en Madrid e en Europa. E por suposto, disposto a gañar o Goberno da Xunta e darlle a Galiza unha presidenta do BNG coas mans libres para defender aos galegos e ás galegas”, proclamou.

“Porque Galiza necesita máis que nunca unha forza libre como o BNG, libre de ataduras a Madrid e libre de ataduras aos grandes lobbys económicos”, salientou, capaz de dar unha solución xusta e en clave de País á crise. E para iso ten alternativas, como a tarifa eléctrica galega, acabar cos beneficios caídos do ceo, empresa pública de enerxía e subirlles os impostos ás eléctricas, ás petroleiras e a banca, “que se están forrando”.

Fronte a un Partido Popular que goberna para unha minoría, o Bloque ten un proxecto para a maioría  social do País.

“Queremos gobernar para as maiorías e sen subordinación a Madrid, non como o PP que goberna pensando nas empresas amigas e nos millonarios”, denunciou, en relación ao anuncio de Rueda de baixarlle os impostos a 7.000 millonarios, un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros. “E aí vemos o estilo Rueda: facer submisamente o que lle manda Feijóo desde Madrid”, ironizou Pontón destacando que a cidadanía merece moito máis que un PP que reparte entradas gratis en palco VIP a altos cargos populares con cartos públicos, mentres suprime a tarxeta básica para comprar alimentos ás familias con menos recursos.

Pero hai alternativa, a que representa o BNG, “unha alternativa sólida e preparada para construír unha Galiza mellor”, subliñou, ao tempo que enviaba unha mensaxe de esperanza a esa maioría social que soporta as durisimas consecuencias do descontrol de prezos.

“Quero dicirlle á xente moza que pelexa por un traballo digno, ás persoas maiores que non dan estirado máis a pensión, ás familias que non chegan a fin de mes, aos gandeiros que producen o leite e carne sen cubrir custes; ás persoas autónomas que fan malabarismos para manter en pé os seus negocios, a todos e todas elas quero dicirlles que poden contar co BNG para conseguir unha saída xusta e galega desta crise”, proclamou.

 

E nesa dirección, corenta anos despois da súa fundación, “aquí está o Bloque para enfrontar os problemas do aquí e do agora,  para blindar a sanidade pública, para loitar por un rural vivo, para enfrontar a crise demográfica e frear a emigración da xente moza, aquí estamos para defender a liberdade e a igualdade das mulleres e para poñer Galiza a producir porque somos un país rico”.

Pontón agradeceu a toda á militancia e simpatizantes que ao longo de catro décadas deron o mellor de si e atribuíu a todas esas persoas o mérito de ter hoxe un BNG forte, convertido na alternativa de goberno ao PP. Neste sentido, subliñou tres razóns que explican a actual fortaleza e dinamismo do Bloque.

Tres fortalezas do BNG

“A primeira é que fomos capaces de facer política en clave galega e xerar solucións adaptadas á nosa realidade, apostamos por solucións e alternativas propias; a segunda   ter unha organización sólida, asentada en todo o territorio e coas ideas claras como que somos nacionalistas, porque o nacionalismo significa cambiar o mundo empezando pola parte que  temos máis cerca. E, terceiro, porque o BNG é moito máis que unha organización, é un sentimento de amor e un compromiso vital coa nosa nación”, sintetizou.

Pontón reiterou que o BNG ten “as portas a todas persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”, deixando claro que “ensanchar, ampliar e incorporar son os verbos que hai que conxugar” para sumar a cada vez máis galegos e galegas de cara ao reto de liderar o Goberno do País e abrir un tempo novo de futuro e esperanza.

Catro décadas deron paso a unha Galiza moi diferente, pero hai feitos que se manteñen e seguen a ser un lastre para o País, como soportar as consecuencias de que “decidan por nós” desde Madrid; como a emigración masiva de xente moza, como os vetos a sectores produtivos estratéxicos, como o espolio dos recursos enerxéticos.

 

Humildade , intelixencia e ambición

Ao igual que o País, o BNG tamén mudou e evolucionou coa sociedade, “pero hai algo que non cambiamos, que sempre estivemos e estamos na defensa de Galiza e sempre desde a confianza no País”. “O futuro é noso e temos que construílo colectivamente, con intelixencia, con humildade e con ambición, estamos aquí para facer o necesario e o máis necesario pe poñer Galiza por diante”, concluíu.

Pontón puxo fin a un acto que encheu de emotividade o frontón de Riazor e que tivo unha participación coral e colectiva coas intervencións dunha decena de militantes, tanto referentes significativos do BNG pola responsabilidade política que ocuparon antes ou agora, como de militantes de base. 

Así, precederon á líder nacionalista no uso da palabra Francisco Rodríguez, quen subliñou a vixencia, máis que nunca, do feito de que “o País necesita unha forza nacionalista propia de seu”, e ratificou o acerto da militancia de terse mantido nesa liña ao longo destes corenta anos de servizo a Galiza. Pascuala Dourado, militante de base, lembrou os seus anos de mestra nunha escola unitaria e o seus primeiros contactos co BNG, e tivo emocionadas palabras de lembranza de Saleta Goi.

Desde a confianza, a gañar o partido

Miguel Anxo Fernández Lores criticou os “localismos disgregadores” tan queridos ás forzas de “obediencia madrileña” e convidou a saír a por todas nas eleccións municipais de 2023, “desde a máxima confianza en nós mesmos, disputando o partido coa confianza de que imos ganalo”. Nestor Rego destacou o proxecto “sólido e necesario” dun BNG, que animou a “alongar” para “ensanchar o nacionalismo, porque somos quen mellor defende o País e ás clases populares”, tendo en conta que “non hai problema ante o que non teñamos presentado batalla e dado alternativas”.

Ana Miranda destacou que o BNG coloca Galiza en todos os foros internacionais, en particular é a voz do País nas institucións europeas, tivo palabras de apoio para a militancia na emigración e un fixo un sentido recoñecemento do traballo de Camilo Nogueira quen levou ao Bloque á Eurocámara en 1999. Noa Presas confesouse herdeira da xeración do Nunca Máis, coa que aprendeu que é desde á mobilización e a organización que se poden logran mudanzas e avances, destacando ademais o papel das mulleres para construír o futuro, “aquí estamos para cambiar o mundo”, tras proclamar que “non ten teito” á hora de sumar apoios. 

E pechou esta participación coral a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, subliñando o papel da xente moza, facendo repaso as principais preocupacións e anhelos da mocidade, emprego, precariedade, vivenda, o dereito a vivir e traballar aquí, subliñando que a xente nova “é imprescindible para o futuro da sociedade deste País”.

O acto contou coa actuación musical de Xosé Luís Rivas, Mini, Navia Rivas e Jasper, así como da participación do actor Miguel Pernas e da actriz Isabel Risco, e concluíu co himno galego.

comentarios