Dúas empresas de transporte denuncian prácticas ilegais na distribución de produtos de Coca-Cola

O xigante dos refrescos exixiría aos transportistas infrinxir a normativa.
Camión distribuidor de produtos de Hijos de Rivera (Estrella Galicia) con caixas de Coca-Cola no seu interior (Foto: Jose Luis Rodríguez).
photo_camera Camión distribuidor de produtos de Hijos de Rivera (Estrella Galicia) con caixas de Coca-Cola no seu interior. (Foto: Jose Luis Rodríguez)

Nós Diario tivo acceso a unha denuncia ante a Dirección Xeral de Transporte e Mobilidade (dependente da Xunta da Galiza), interposta por Dona Carmen Soto Lema, actuando en nome da empresa de distribución que administra, Disneria SL, que tivo unha relación comercial con Coca-Cola desde 1988, actualmente rematada, na que se acusa á compañía fabricante do refresco de incumprir a normativa de transportes no relativo á distribución dos seus produtos.

Jose Luis Rodríguez, propietario de Dislugo SL, que foi durante 30 anos distribuidor de Coca-Cola e é autor do libro A Trama: A miña loita contra Coca-Cola e Estrella Galicia, tamén puxo en coñecemento de varias institucións dita situación, como no caso do Ministerio de Transportes, que lle sinalou que a competencia ao respecto era autonómica. 

Rodríguez explica a Nós Diario que "Coca-Cola a partir do ano 2014 decidiu facer directamente a facturación das vendas de todos os seus produtos a nivel estatal". "O problema reside en que os distribuidores teñen tarxeta de servizo propio, e non poderían levar as mercadorías dun terceiro, para o que se debe ter a tarxeta de servizo público, sinala o propietario de Dislugo.

"Coca-Cola na Galiza fai a súa distribución a través dos transportistas autónomos que traballan con Hijos de Rivera (Estrella Galicia), o distribuidor leva por un lado as súas facturas dos produtos de Estrella Galicia, o que é perfectamente legal pois compran esta mercadoría e despois véndena, mais tamén entregan os produtos de Coca-Cola que non lles pertencen", sinala Rodríguez. 

"Quen é distribuidor de Estrella Galicia, é obrigado a facer as cousas así", denuncia o transportista. "Para facer as cousas legalmente Coca-Cola ten dúas solucións, unha é que siga facturando ao cliente final mais que contrate distribuidores coa licenza que cómpre, e a outra é que venda como provedor as mercadorías aos transportistas", afirma.

"Cunha tarxeta de transporte propio tan só se pode levar produto que che pertence, non se pode levar produto dun terceiro porque non se está habilitado para iso", explica a este xornal o avogado de Dislugo e Disneria, Javier Roldán. Por contra, sinala, "unha tarxeta pública, como a que teñen determinadas cooperativas de transporte aquí na Galiza, si permite realizar o transporte de mercadorías que non son da túa propiedade".

"O que está acontecendo é que hai empresas (como Coca-Cola a través de Hijos de Rivera) que lle piden aos distribuidores que leven o produto que venden directamente a un terceiro, é dicir, os transportistas están facendo entregas destas empresas coa tarxeta privada sen formar parte da compravenda, e iso é o que denunciamos", sustenta. "Eu tiven algún cliente ao que pillaron realizando o transporte nestas condicións, que lle puxeron sanción e a pagou, e ao reclamar ás compañías, a estas dáballes absolutamente igual, a pesar de ser quen exixen realizar as entregas baixo estas circunstancias", explica Roldán. 

"Esta práctica estase realizando con total impunidade, o que nós dicimos é que contraten transportistas que adquiran a tarxeta pública, pero é máis custosa e ten unha serie de requirimentos normativos diferentes", conclúe o avogado das empresas demandantes.

"Unha práctica que non se controla desde a Xunta"

"Coa tarxeta pública é moito máis caro realizar o transporte das mercadorías, pois o mantemento da licenza necesaria é máis custoso e porque o número de persoas que a teñen é inferior", explica o avogado Javier Roldán, que sinala que esta práctica "sempre se realizou desta maneira na Galiza".

"Hai autonomías onde a empresas exixen aos seus distribuidores que teñan tarxetas de transporte públicas, non entendemos por que hai lugares onde se fan cumprir as normas e aquí non, e así o comunicamos á Dirección Xeral de Transporte [dependente da Xunta da Galiza], pois é un trato discriminatorio e un incumprimento da lei, que se é igual para todos, tamén o debera ser para as grandes compañías", denuncia. Neste caso, "estase realizando unha actividade que non está amparada pola lei", sentenza.

Comentarios