Máis dun cento de profesionais do dereito de Galiza e outros territorios do Estado impulsan un manifesto que nace con vontade de servir de “reflexión” para un diálogo e debate sobre os dereitos e liberdades nunha situación de crise como a actual.
As asinantes de 'Os dereitos da persoa tamén son para as pandemias', que así se titula o manifesto, recoñecen o seu “malestar” e “preocupación” polo que consideran “inxustificados recortes e retrocesos que a xestión desta crise sanitaria esta supoñendo para os dereitos e liberdades e, nomeadamente, para os dereitos fundamentais”.
Sendo conscientes, indican, da “complexidade e dificultades” que implica xestionar unha crise sanitaria como a derivada da pandemia do coronavirus, advirten sobre “unha actividade sancionadora masiva e centralizada, que parece transformar un problema sanitario nun de orde pública”. A isto engaden “o uso expansivo das habilitacións legais que fan irrecoñecíbeis os dereitos de manifestación e reunión, e buscan limitar a liberdade de expresión...”. O que consideran que supón unha “deriva, como mínimo, pouco respectuosa cos principios democráticos”.
Inciden, neste punto, en que o poder xudicial e o Tribunal Constitucional teñen a responsabilidade de facer un control que “garanta o exercicio real dos principios e dereitos constitucionais”.
As asinantes do manifesto apelan aos poderes públicos para que garantan, “sen arbitrariedades -proscritas polo artigo 9.3 da Constitución-, o exercicio dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, que non foron suspendidos polo actual estado de alarma”.
“Para que saiamos desta crise sanitaria, que en ningún caso é unha guerra, máis reforzados como sociedade e como democracia, o virus non debe infectar a integridade e plena efectividade dos nosos valores fundamentais”, conclúen.
Entre as asinantes, hai catedráticos de Universidades galegas como Alba Nogueira e Carlos Amoedo, avogados de sindicatos como a CIG e da CUT, así como profesionais da avogacía en diferentes ámbitos.