A CIG denuncia que esta semana o propio persoal de Anatomía Patolóxica tivo que tomar a decisión de paralizar temporalmente o traballo na sala de corte e tinguido de mostras por problemas de ventilación. A central xa puxo en coñecemento da Inspección de Traballo esta e outras deficiencias detectadas no servizo.
Dende a federación de Saúde da CIG explican que a decisión de paralizar o servizo adoptouse polo insoportábel que resultaba respirar na sala de corte e tinguido de mostras, “o que provocou indisposicións do persoal, mareos, dores de cabeza e malestar en xeral”.
A situación foi posta en coñecemento da unidade de riscos laborais, que se presentou no servizo e fixo un informe ao respecto. A problemática xa foi denunciada pola CIG xunto a outras anomalías detectadas na Inspección de Traballo.