O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, viaxa cara á París para se sumar ás delegacións internacionais que participan na Cimeira do Clima (COP21). Pontevedra será a única cidade galega presente ponente.
A cidade do Lérez foi convidada polo relator das Nacións Unidas para as cidades e o cambio climático, Michael Bloomberg, e a rexedora de París, Anne Hidalgo. No encontro, múltiples cidades de todo o mundo asinarán un pacto local global de loita denominado Compact Mayors.
Unha alianza da que, até o de agora, non facía parte ningunha outra cidade do Estado español mais que abrangue un nutrido grupo delas por todo o mundo como Melbourne e Sydney (Australia), París (Franza), Vancouver, Montreal (Canadá) ou Caracas (Venezuela), entre outras, e á que tamén se sumarán Barcelona, Zaragoza, Donosti, Bilbo, Errentería e Vitoria ou Lisboa, Almada, Matosinhos e Braga, entre outras moitas.
Desde 1996 Pontevedra reduciu o 66% das emisións de CO2 á atmosfera
Con ela visan enviar “unha forte mensaxe de concienciación a todo o mundo” e para iso quixeron contar con Pontevedra como emblema de “liderado” en “accións relacionadas co clima urbano”.
Este convite supón máis un recoñecemento internacional para a cidade do Lérez, xunto co galardón recollido en Hong Kong, o Hábitat da ONU e o Intermode de Bruxelas. Toda unha serie de premios que valoran a transformación urbana desenvolvida desde 1999 en Pontevedra e coa que o goberno municipal, en mans do BNG, conseguíu reducir o 66% das emisións de CO2 á atmosfera o que a sitúa os 365 días do ano dentro dos parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).