As persoas sancionadas nas mobilizacións de La Vuelta denuncian a “criminalización dunha protesta pacífica”
Un total de 27 manifestantes recibiron multas de até 300 euros
Un total de 27 persoas recibiron multas de até 300 euros por parte da Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra tras as mobilizacións en contra da participación do equipo de Israel na competición ciclista La Vuelta . Foi "baseándose na lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte".
Así o trasladaron máis de corenta agrupacións e colectivos, que afearon que as sancións se impoñan, ao seu xuízo, "como unha manobra represiva, con afán recadador". Aliás, lamentaron que se aplique a lei para "criminalizar unha protesta pacífica en defensa dos dereitos humanos do pobo palestino".
"Aínda por riba, nestas sancións relátanse uns feitos, sen especificar en que infracción incorreu cada persoa sancionada". "E como non existen motivos que poidan facer cadrar as súas fantasías xurídicas coa realidade, ofrecen unha redución importante da cantidade da sanción, a quen se responsabilice dalgún dos feitos", engadiron.
Neste senso, reiteraron que as protestas nas distintas localidades de Galiza, entre elas Mos (comarca de Vigo) ou Monforte (Terra de Lemos), desenvolvéronse "de forma totalmente pacífica", despois de que as "demandas colectivas" en contra da participación do equipo israelí "fosen desatendidas de maneira prepotente pola organización", algo que, lamentaron, "xerou un gran descontento social".
Así mesmo, reiteraron que a competición ciclista "celebrouse en plena operación de limpeza étnica de Israel contra a poboación palestina", na que, recalcan, "asasináronse máis de 70.000 persoas palestinas, das cales máis de 75% eran mulleres e nenos". "Seguramente os números serán moito máis elevados", criticaron.

