A partir de hoxe poderás pedir a túa praza para os campamentos de verán
A campaña de campamentos de verán da Galiza contará este ano con 11.932 prazas para crianzas e mozas de 9 a 30 anos.
Esta quinta feira abre o prazo de inscrición nos campamentos e actividades de verán da Galiza, con 11.932 prazas para crianzas e mozas de 9 a 30 anos, o que supón 302 máis que na campaña anterior. En concreto, estarán repartidas entre campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, propostas de lecer alternativo para maiores de 18 anos e uso de instalacións xuvenís.
Esta nova campaña de actividade ten como obxectivo continuar facilitando oportunidades para desfrutar dun tempo de lecer educativo de primeiro nivel, fomentando que a mocidade empregue o seu tempo libre na época estival con actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.
Así, a oferta da campaña 'Modo Verán Activo' correspóndese coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións na Galiza, o que supón 173 máis con respecto ás do ano pasado.
A estas hai que sumarlles as 301 dispoñíbeis fóra do país a través dos intercambios con Euskadi, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria. Ademais, engádense 105 prazas nos campamentos específicos para persoas con discapacidade.
Cunha duración de entre oito e 12 días por quenda durante os meses de xullo, agosto e setembro, esta proposta brinda actividades para divertirse e tamén encamiñadas ao enriquecemento privado e vital dos seus participantes. Neste 2026 inclúense varios campamentos novos como 'Experiencia Galiza Calidade do Verán', en Boqueixón (Compostela); 'Explora o rural', en Vilariño de Conso (Viana), e 'Un verán para lembrar' e 'Multideporte', ambos en Mondariz Balneario (O Condado).
O prazo de inscricións na campaña abrirá esta quinta feira, despois da publicación na cuarta feira da convocatoria no Diario Oficial da Galiza, excepto para o programa de actividades de lecer alternativo para maiores de 18 anos que abrirá en maio.
Como novidade no sorteo de prazas, terán prioridade aquelas crianzas que non participaron en ningunha actividade o pasado verán. Deste xeito, búscase dotar ao sistema dunha maior equidade, ao garantir a rotación na adxudicación das prazas dun ano para o outro.
