Esta quinta feira abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán: estas son algunhas das novidades
A campaña de campamentos de verán da Galiza contará este ano con 11.932 prazas para crianzas e mozas de 9 a 30 anos.
Esta quinta feira abre o prazo de inscrición nos campamentos e actividades de verán da Galiza, con 11.932 prazas para crianzas e mozas de 9 a 30 anos, o que supón 302 máis que na campaña anterior. En concreto, estarán repartidas entre campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, propostas de lecer alternativo para maiores de 18 anos e uso de instalacións xuvenís.
Esta nova campaña de actividade ten como obxectivo continuar facilitando oportunidades para desfrutar dun tempo de lecer educativo de primeiro nivel, fomentando que a mocidade empregue o seu tempo libre na época estival con actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.
Así, a oferta da campaña 'Modo Verán Activo' correspóndese coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións na Galiza, o que supón 173 máis con respecto ás do ano pasado.
A estas hai que sumarlles as 301 dispoñíbeis fóra do país a través dos intercambios con Euskadi, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria. Ademais, engádense 105 prazas nos campamentos específicos para persoas con discapacidade.
Cunha duración de entre oito e 12 días por quenda durante os meses de xullo, agosto e setembro, esta proposta brinda actividades para divertirse e tamén encamiñadas ao enriquecemento privado e vital dos seus participantes. Neste 2026 inclúense varios campamentos novos como 'Experiencia Galiza Calidade do Verán', en Boqueixón (Compostela); 'Explora o rural', en Vilariño de Conso (Viana), e 'Un verán para lembrar' e 'Multideporte', ambos en Mondariz Balneario (O Condado).
O prazo de inscricións na campaña abrirá esta quinta feira, despois da publicación na cuarta feira da convocatoria no Diario Oficial da Galiza, excepto para o programa de actividades de lecer alternativo para maiores de 18 anos que abrirá en maio.
Como novidade no sorteo de prazas, terán prioridade aquelas crianzas que non participaron en ningunha actividade o pasado verán. Deste xeito, búscase dotar ao sistema dunha maior equidade, ao garantir a rotación na adxudicación das prazas dun ano para o outro.
Aliás, a campaña avoga pola integración e a inclusión, de xeito que todos as mozas teñen a oportunidade de participar en igualdade de condicións e con independencia das súas necesidades específicas, contando sempre co persoal especializado que se precise. Así as persoas con discapacidade poden presentar a súa solicitude de participación polo procedemento xeral, pola vía das prazas reservadas de inclusión (355), ou ben a través dos campamentos específicos.
Alén dos campamentos, nesta edición volven programar iniciativas concretas que van desde os máis novos aos maiores de 18 anos. Así, para a franxa de idade comprendida entre os 9 e 12 anos volven os minicampamentos 'Coñece Galiza', unha proposta lúdico-formativa que aumenta en perto de 100 as súas prazas con respecto a 2025, chegando ás 876.
Trátase dunha proposta que se desenvolve en espazos naturais cunha duración de cinco días, de segunda a sexta feira, en aloxamentos distribuídos por toda a xeografía galega e que conta con 13 programas. O seu obxectivo é favorecer as necesidades de conciliación e coidado das familias á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial da Galiza.
Por outra banda, dáselle continuidade ao paquete de actividades de lecer educativo, alternativo e saudábel para persoas de 18 os 30 anos, que se puxo en marcha en 2024, e que ofrece 160 prazas centradas en cinco programas de catro días de duración. As mozas e mozos poderán mellorar as competencias e habilidades a través da educación non formal de xeito que coñezan a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico da Galiza.
Para maiores de 18 anos tamén están destinados os campos de voluntariado, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria, até as 815. Delas, 665 distribúense entre as 40 propostas localizadas na Galiza, ás cales hai que sumar outras 75 prazas noutros territorios do Estado e 75 máis no estranxeiro.
Estas accións desenvólvense maioritariamente en colaboración cos concellos e pretenden favorecer a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos á vez que desfrutan de alternativas de lecer e tempo libre.
A nova edición da campaña de campamentos da Galiza foi anunciada esta segunda feira polo presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.


