Máis unha nova xornada de incendios en Galiza, con lumes en diferentes puntos do país que afectaron a ducias de hectáreas. A seca de inverno e primavera engádeselle estes días os fortes ventos, unha combinación de alto risco. O incendio que se orixinara en Narón pasou na noite desta quinta a sexta feira ao concello de Ferrol, obrigando a decretar o Nivel 2 e desaloxar algunhas casas dun lugar da parroquia de Covas pola proximidade das lapas.Por volta de 400 hectáreas arderon neste lume, que continuaba activo na mañá desta sexta feira e contra o que se atarefaban 5 helicópteros, 15 brigadistas e 7 axentes, entre outros efectivos.
Non é o único incendio co que amence este 21 de abril. Continúa o de Oza-Cesuras, parroquia de Cis, que afecta unha superficie provisional de 30 hectáreas. E a Xunta informa que está controlado o de Vizoño (Abegondo), que queimou por volta de 46 hectáreas.
A Xunta declarou período de alto risco de incendios forestais mais, como denunciaron desde a CIG, “non se activa ao persoal propio da administración destinado a este período”. Embora catalogar a administración galega a situación como alto risco, os traballadores de reforzo para as tempadas de alto risco, pertencentes ao persoal propio do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural, "continúan sen seren contratados".