A Deputación da Coruña colabora co Foro Cívico na convocatoria da terceira edición do Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade que se presentou esta mañá na sede da institución provincial. "Desde a Deputación estamos polo labor de alimentar o compromiso social e, nese sentido, colaboramos cun premio que é fundamental tanto para relanzar e impulsar a figura de Marcelino Liste como aquelas iniciativas que contribúen a fomentar a xustiza e liberdade", destacou o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Antón Luaces, presidente do Foro Cívico, subliñou que con este certame "tribútase unha homenaxe anual á figura de Marcelino Liste, que desenvolveu un labor importantísimo como representante do movemento veciñal". Compañeiro de Marcelino Liste no movemento veciñal foi Ricardo Vales que destacou o labor que tanto no fin da ditadura como no comezo da Transición significou o asociacionismo nos barrios. Manuel Monge, de por parte, fixo fincapé nas dúas palabras que acompañan a convocatoria. "Xustiza porque Marcelino LIste loitou e gañou moitas veces na xustiza os temas que defendía e liberdade porque coincide co manifesto fundacional do Foro Cívico que redactou Manuel Rivas", explicou.
Poderán presentar a súas propostas para este premio entidades ou persoas da comarca da Coruña. A proposta irá acompañada do nome da entidade ou persoa que se propón para a distinción, así como dos datos (enderezo, teléfono, correo electrónico), historial e actividades desenvolvidas nos últimos anos. As propostas poderán enviarse ao correo electrónico do Foro Cívico: [email protected] ; tamén por correo ordinario, ou presentarse en sobre pechado, neste enderezo (indicando Premio Marcelino Liste): Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto, Campo de Marte, s/n 15002 A Coruña.
O prazo para a presentación será até 2 de decembro de 2019. Un xurado composto por socias e socios do Foro Cívico, que non sexan membros da Xunta Directiva, decidirá entre as candidaturas presentadas. O premio será entregado anualmente nas datas arredor do Día Internacional dos Dereitos Humanos (10 de decembro).