"Non ao rearmamento, non ao imperialismo": ducias de persoas concéntranse contra a OTAN en Compostela
O Encontro Galego contra a OTAN convocou este domingo na praza do Toural de Santiago de Compostela unha concentración baixo o lema "Non ao rearmamento, non ao imperialismo. Gastos militares para servizos sociais". A protesta fecha a semana en que as grandes potencias da OTAN se reuniron na Haia, onde os Estados membros discutiron o aumento do gasto militar, entre outros asuntos.
As convocantes denunciaron que a escalada armamentística reforza "o imperialismo, as guerras e a opresión dos pobos do mundo", ao mesmo tempo que se recortan dereitos sociais básicos como a sanidade, a educación ou as pensións.
Exiximos "a saída da Alianza Atlántica, a supresión das bases militares ianquis do noso país e a eliminación dos gastos militares en favor dos gastos sociais", recolle o manifesto que fecgou a mobilización. Así, desde o Toural as manifestantes rexeitaron o aumento de 5% do PIB en gasto militar imposto pola OTAN, a aposta polo militarismo e a submisión aos plans da OTAN e tamén a privatización e precarización dos servizos públicos fronte ao investimento en armamento.
O Encontro Galego contra a OTAN contou co apoio de colectivos como BDS Coruña, BDS Galiza, Compostela por Palestina, Esquerda Unida, Comunidade Saharaui de Galicia, Ferrol con Palestina, Lugo por Palestina, Podemos Galicia, Rede Galega pola Palestina, Traballadoras Pensionistas e Insubmisas contra o rearmamento.
Desde a Galiza, esta última entidade denuncia o crecemento do gasto militar, o réxime de guerra que se impón en Europa e a subordinación dos gobernos da UE á lóxica belicista impulsada polos Estados Unidos e a industria armamentística.
Así, durante o acto, o voceiro da plataforma, Óscar Lomba, deu lectura a unha intervención política na que se condenou o compromiso asinado polo Goberno español no Cumio da OTAN da Haia, mentres se recortan dereitos sociais e se agrava a crise de vivenda, sanidade e servizos públicos.
Insubmisas Contra o Rearmamento tamén denunciou a recente agresión militar dos Estados Unidos contra Irán, o papel de Donald Trump como instigador dun novo ciclo de guerra global e a complicidade dos dirixentes europeos, entre eles Pedro Sánchez e Ursula von der Leyen, coa militarización crecente da Unión Europea.
A concentración, aseguran nun comunicado, foi "un acto de denuncia, resistencia e afirmación pacifista, con participación de persoas e colectivos comprometidos coa defensa da paz, a desmilitarización e os dereitos sociais, desde unha perspectiva feminista, internacionalista e galega".

