Presentan en Santiago a plataforma 'Encontro Galego contra o Cumio da OTAN'

A plataforma ten por obxectivo desenvolver unha campaña de mobilización social contra a cimeira da OTAN que decorrerá en Madrid os vindeiros 29 e 30 de xuño.
Acto de presentación do 'Encontro Galego contra o Cumio da OTAN. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de presentación do 'Encontro Galego contra o Cumio da OTAN'. (Foto: Nós Diario)

Na mañá desta cuarta feira decorreu en Santiago de Compostela a presentación do ‘Encontro Galego contra o Cumio da OTAN’, unha plataforma conformada por "persoas da sociedade civil" e "diversas organizacións antiimperialistas", entre as que se atopan Anova, a FPG ou Ecoloxistas en Acción.

Ten por obxectivo desenvolver unha campaña de mobilización social contra o Cumio da OTAN que decorrerá en Madrid os vindeiros 29 e 30 de xuño.

A plataforma constituíuse formalmente o 1 de abril, tras unha rolda de contactos iniciada a comezos deste ano, segundo explica nun comunicado.

No seu escrito, afirma que, na actualidade, existe “unha conxuntura internacional de ofensiva imperialista”, polo que é "máis necesario ca nunca recuperar o espírito dos Comités Anti-OTAN dos anos 80".

“A OTAN é unha organización criminal xurdida da lóxica de acumulación do capital”, critica a plataforma, que pretende levar a cabo accións "unitarias e amplas", principalmente nas rúas, que amosen o "rexeitamento" da poboación galega a que o "pretendido 'goberno máis progresista'” do Estado Español acolla a cimeira dunha organización que "ataca a soberanía dos pobos do mundo".

Papel "servil" do Goberno español

Denuncia tamén o papel "servil" do goberno actual coa OTAN, e pon de exemplo o uso de instalacións portuarias e aéreas da maquinaria militar española na Galiza para poñelas ao servizo do terrorismo imperialista.

“A carencia de soberanía do noso país converte o noso pobo en cómplice pasivo dunha escalada imperialista que só favorece os intereses do complexo militar-industrial norteamericano”.

En canto á guerra de Ucraína, a plataforma exixe a retirada de todas as tropas enviadas á zona e o cese inmediato da venda de armamento.

Fai un chamamento a que outras organizacións e persoas do "movemento popular e da esquerda transformadora" se unan na denuncia "combativa e firme" das alianzas militares da OTAN e a UE.

Comentarios