-Que nos vai deparar este curso escolar 2017-2018 após un feche turbulento, marcado por recortes en centros?
-Este inicio de curso vai estar marcado por algo preocupante, que é o continuísmo da política educativa do PP. Aquí o PP comezou a aplicar os recortes a nivel profesorado e aulas moito antes de que se aplicase a LOMCE. A ampliación horaria do profesorado en primaria e secundaria foi antes da aplicación da LOMCE e antes de que en 2012 Rajoy aprobase un real decreto que teoricamente obrigaba as comunidades autónomas a ampliar o horario do profesorado. É certo que houbo territorios insubmisos a ese real decreto, pero non os do PP. Aquí quen primeiro se moveu foi Feijóo, pero precisamente na dirección que despois marcou a LOMCE. Así, o principal trazo do inicio de curso vai ser o continuísmo. Como apuntabas na pregunta, no mes de xuño evidenciouse que hai un PP que, aínda que é certo que conta con maioría absoluta, está illado do resto da sociedade, da comunidade educativa, das familias, dos concellos...
-Anunciou ese feche de aulas xusto ao remate do curso escolar.
-O recorte que houbo de aulas, traslado de ensinanzas ou feche de centros, que coñecemos o 22 de xuño, en pleno final de curso, pon de manifesto varias cuestións. Primeiro, que non saben consensuar, negociar nin poñerse de acordo á hora de formular posíbeis solucións ao deseño dun mapa educativo dun concello ou dunha comarca, pero detrás hai un segundo aspecto que é máis importante. O colexio de Outes, como exemplo, tiña 72 alumnas e alumnos matriculados para o curso 2017- 2018. Sorprenderíavos saber o número de colexios que hai no país con menos alumnado. Que nos indica isto? Pois que foi un globo sonda, unha avanzadilla, o que pretenden é darlle unha tesourada importante á rede educativa, aforrar na perspectiva de que a educación non é un investimento, senón un gasto, ou responde exclusivamente ao interese propio do PP en Outes.
[A íntegra da entrevista, a dupla páxina, aparece no Sermos Galiza 262, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]