Máis unha mobilización multitudinaria en defensa da sanidade pública. Desta volta foi en Ferrolterra, onde unha maré de veciñ@s recordou que este dereito social "fica ameazado pola falta de recursos con que a Xunta atenaza o Sergas, coa conseguinte merma da calidade asistencial".
"Cos defectos que haxa que corrixir, a sanidade pública é unha conquista da cidadanía", subliñou a plataforma SOS Sanidade pública, quen colocou datos riba da mesa para enfatizar que o gasto por persoa ao ano en saúde, 1.500€, é máis baixo do montante que se destinou ao resgate da banca, 1.850€, "e para non recibir nada a cambio".
En nome das persoas que fixeron parte da manifestación, SOS Sanidade pública reprochou da Xunta que estea a "beneficiar" empresas privadas, bancos e farmacéuticas "que queren facer negocio coa sanidade" malia ser este un dereito "esencial" e "sostíbel". Após reclamar a construción do centro de saúde que a consellaría que dirixe Rocío Mosquera ten comprometido para a cidade departamental, a plataforma cidadá mostrou o seu convencemento de que "o PP ten a todo o mundo en contra e terá que reflexionar".