“En España se habla castellano” ou “Non se pode falar de política na rúa”. Estas foron as frases esgrimidas pola persoa que esta fin de semana interrompeu en Compostela a presentación pública da Revista Ligeia, segundo informan responsábeis da publicación.
A revista presentábase na terraza da Casa das Crechas, en plena zona vella da capital de Galiza, cando unha persoa interrompeu o coloquio, proferindo insultos e ameazando con paralizar o acto, todo iso cunha actitude agresiva. Foi conminado polo público presente a abandonar o lugar, o que acabou facendo. No acto de presentación participaron Tamara Andrés, Marcus Daniel Cabada e o colaborador da sección de Opinión de Sermos Lois Alcayde Dans.
Isto foi o que pasou hoxe. Un exaltado, cecais cunha copa de máis, fixo gala dun fascismo de libro ao tentar impedir e interromper a presentación da @revistaligeia xunto con @chandapolvora na @CasadasCrechas de Compostela. A súa xustificación? Defendimos a palabra 'urna'. pic.twitter.com/poaNVQbEAP
— Lois Alcayde Dans (@LoisAlcaydeDans) August 18, 2018
Nun comunicado, a Revista Ligeia "condena esta agresión", así coma “calquera acto de carácter intolerante e fascista" e considera a literatura e o xornalismo coma "elementos enriquecedores e fomentadores do entendemento entre culturas e pobos ademais de vías cimentadoras da convivencia e o espírito democrático”.