Cinco persoas usuarias da residencia de maiores xestionada pola Xunta en Burela permanecen illados nas súas habitacións tras dar positivo por Covid-19 unha traballadora que entrara esta cuarta feira para facer unha substitución, informaron fontes do Goberno galego.
A residencia é a única xestionada pola Xunta na comarca da Mariña, que está, desde a segunda feira e durante cinco días, pechada debido ao brote de coronavirus, no que deron positivo até o momento máis de 150 persoas.
En concreto, a muller comezou a traballar ás 15,00 horas de onte e ás 16,30 chamárona para comunicarlle que dera positivo, polo que a propia empregada e os compañeiros que coincidiron con ela nesa hora e media fóronse aos seus domicilios, onde permanecen á espera das indicacións médicas.
Os usuarios e usuarias que tiveron contacto con esta persoa quedaron en illamento nos seus cuartos. Son cinco e nos próximos días controlarase a súa evolución e faráselles unha proba PCR, indicaron as mesmas fontes.