A Illa de Arousa creará vivenda pública e un parque nos terreos embargados a Marcial Dorado
O Concello da Illa de Arousa (O Salnés) adquirirá, a través do Plan Nacional sobre Drogas, varios terreos embargados a Marcial Dorado e que serán destinados á creación de vivenda pública e dun parque público.
Así o explicou esta quinta feira o alcalde da localidade, Luis Arosa, xunto ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que se desprazaron até un dos terreos situado na avenida da Ponte.
O chan, que é urbanizábel, consta de case 3.000 metros cadrados e o Concello estuda a construción de vivenda pública, xunto "a outras administracións".
Neste sentido, Arosa detallou que "enviou tres cartas" á Xunta para poder tratar este tipo de construcións. "A este Concello non o reciben para nada", lamentou o alcalde.
Así mesmo, o consistorio adquiriu sobre 3.000 metros cadrados de terreo na zona do Outeiro e que serán destinados á creación dun parque público.
A estas parcelas, tamén se suma outra na zona de Testos na que será destinada ao computo de chan necesario para realizar un pavillón de deportes municipal.
Pola súa parte, Abel Losada remarcou que a adquisición destas parcelas ten "dúas derivadas importantes". Por unha parte, que a política de vivenda "pode ser perfectamente unha política municipal".
Outro dos factores, considerou Losada, teñen que ver con "un dobre concepto" de xustiza: "a social e a poética". "Estas parcelas pertenceron a Marcial Dorado un coñecido narcotraficante, que todos na Galiza. Bon, parece que todos non, pero practicamente todos", esgrimiu.

