As rúas galegas volverán berrar en solidariedade co pobo palestino a vindeira segunda feira, 6 de novembro. A Asociación Galaico-Árabe Jenín, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes convocaron esta quinta feira novas mobilizacións ao longo da Galiza.
Baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galiza con Palestina’ até 11 localidades acollerán mobilizacións ás 20 horas da segunda feira. Así, eis a lista de concentracións:
- A Coruña, no Obelisco
- Allariz, na Barreira
- Compostela, na praza Roxa
- Ferrol, na praza do Concello
- Lugo, diante do Concello
- Monforte, na praza de España
- Ourense, na Subdelegación de Defensa
- Pontedeume, na praza do Concello
- Pontevedra, na praza da Peregrina
- Ribeira, na praza do Concello
- Vigo, no Farol de Urzaiz
Estas organizacións salientan que "o pobo palestino necesita a solidariedade internacional. Neste sentido, o pobo galego ten un longo histórico de apoio á causa palestina, e nestas dúas semanas leva protagonizadas múltiples mobilizacións nos últimos tempos.
Manifestación nacional
O pasado sábado, Compostela acolleu unha gran manifestación nacional en apoio ao pobo palestino convocada polas mesmas asociacións.
"Israel asasina e Europa patrocina" ou "non é unha guerra, é un xenocidio" foron algúns dos moitos cánticos que acompañaron a marcha desde o inicio. Mentres Galiza sae á rúa para trasladar o seu apoio ao pobo palestino, este mesmo sábado o Exército israelí intensificaba a súa ofensiva terrestre logo dunha noite de intensos bombardeos, "a peor" desde que principiou a vaga de ataques sobre Gaza hai case catro semanas.